Escoitar

Cada familia viguesa pagará 10,4 euros menos de impostos en 2009

A edil de Economía e Facenda, Raquel Díaz, detallou este venres as novas ordenanzas muncipais aprobadas o pasado luns polo goberno local que conxelan en términos reais os impostos e incorporan máis rebaixas fiscais, o que implica que "miles e miles de cidadáns van ter unha rebaixa fiscal" o vindeiro ano, en comparación co 2008, afirmou a concelleira.

venres, 19 set 2008
A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, explicou este venres en detalle as ordenanzas fiscais aprobadas polo goberno para o vindeiro ano, unha política económica que permite que en 2009, cos datos actualizados, "cada familia pagará 10,4 euros menos en términos reais que o pasado ano", explicou Díaz.

A edil datou nuns 700 euros a aportación media das familias viguesas en concepto de impostos locais, co que o próximo 2009 podería rebaixarse ata os 690 euros aproximados.

As ordenanzas aprobadas o pasado luns contemplan a conxelación en termos reais dos impostos, o que significa a aplicación do IPC interanual que se sitúa este exercizo no 4,2%, e a incorporación de novas accións económicas reais que permitirán que "miles e miles de cidadáns teñan unha rebaixa fiscal" no 2009, salientou a edil.

Menos presión fiscal
Raquel Díaz explicou que non se aplicará a subida do IPC ás taxas de prestación de servizo dos centros de día, das escolas de primeira etapa e á prestación de axudas no fogar, e, no caso das dúas últimas, se aumenta o 4,2% nos tramos de renda que delimitan o pago, co que o vindeiro ano novos cidadáns poderán acollerse ás novas prestacións.

Ademais se exime do aval bancario solicitado aos cidadáns que desexen aprazar o pago dunha débeda co Concello inferior aos 3.000 euros. Un aval que, segundo expresou o alcalde, podería alcanzar os 200 euros.

A concelleira explicou tamén que a bonificación do 50% aos cónxuxes na transmisión da vivenda habitual por mortis causa se amplia agora ás parellas de feito rexistradas como tal; unhas 2.500, segundo informou.

As ordenanzas establecen un novo sistema especial do pago voluntario do IBI para particulares que implica unha redución do 3% do imposto. Para poder acollerse é necesario solicitalo do 1 de xaneiro ao 1 de marzo no Concello ou a través de Internet, domiciliar o pago e estar empadroado en Vigo.

Os que se acollan ao sistema voluntario poderán efectuar o pago en dous abonos: o 31 de maio, pagando o 50% do total do recibo do ano anterior, e o último día da recadación voluntaria a cantidade restante, coa dedución do 3% incluída.

Raquel Díaz deu conta asemade das novas "medidas para reducir as emisións de gases da cidade". Deste xeito, Vigo é "o primeiro Concello de España" en aplicar e adaptar o Plan VIVE do Estado, xa que os vehículos que emitan menos de 120 gramos por quilómetro de CO2 recibirán un 75% de bonificación no imposto de circulación durante dous anos.

A esta medida poden adherirse, afirmou o mandatario local, todos os modelos C1 de Citroën. Asemade, un beneficio das mesmas características o recibirán os autotaxis propulsados por gas licuado (GLP).