Escoitar

O Verbum acolle unha exposición sobre as revoltas estudantís do 68 en Santiago

A exposición temporal "Do Gaudeamus Igitur" ao Venceremos Nós" sobre as revoltas estudantís en maio do 68 en Santiago de Compostela pode visitarse no museo Verbum - Casa das Palabras ata o vindeiro domingo 28 de setembro en horario de martes a domingo de 10 a 21 horas.

mércores, 20 ago 2008
1219235147expo68.jpg
A exposición "Do Gaudeamus Igitur" ao "Venceremos nós". As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela reconstrúe os acontecementos estudantís do curso 1967/68 contra a ditadura, a loita polas liberdades e a representación democrática.

A exposición comeza coa explicación do que era a cidade de Santiago e a Universidade baixo a ditadura franquista e analiza os elementos que promoveron as revoltas estudantís posteriores: a cultura oficial e a cultura alternativa, a presenza de forzas clandestinas antifranquistas, etc. A continuación, explica polo miúdo as mobilizacións estudantís do curso 1967/68 e a ditadura franquista: dende a solidariedade galega ata o nacemento de Voces Ceibes; desde as asembleas universitarias ata o peche na Facultade de Filosofía e Letras; desde a represión sobre os líderes estudantís ata a actitude do profesorado.

O obxectivo desta exposición é tentar recuperar a memoria daqueles tempos e dar a coñecer as mobilizacións protagonizadas por unha xeración importante de persoas.

A exposición está organizada pola Fundación 10 de marzo e en colaboración coa Xunta de Galicia, Tenencia de Alcaldía e Concellería de Cultura do Concello de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña e Obra Social CaixaGalicia.
Descargar todas as imaxes