Escoitar

A mostra "Pasea a túa saúde" inaugúrase en Vigo para fomentar hábitos de vida saudables

O alcalde, Abel Caballero, participou este martes na presentación do programa itinerante, xunto coa conselleira de Sanidade, María José Rubio. A carpa, instalada na explanada do Náutico ata o venres 22 de agosto, procura fomentar o exercizo e a alimentación equilibrada nos cidadáns mediante actividades que avalían o estado físico.

martes, 19 ago 2008
1219150779saude.JPG
O alcalde, Abel Caballero, presentou esta mañá, xunto coa conselleira de Sanidade, María José Rubio, a carpa "Pasea a túa Saúde", un programa que procura a adopción de hábitos de vida saudables entre a poboación.

O alcalde, no transcurso do acto, destacou o "compromiso" da Xunta de Galicia e da Consellaría de Sanidade coa cidade olívica, ratificado coa construción do gran hospital de Vigo, o maior de Galicia e o segundo de España, e coa edificación de seis novos Centros de Saúde localizados nos distintos barrios e parroquias da cidade.

Pola súa banda, a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, salientou a conveniencia de que Galicia se converta nunha comunidade referente en materia de vida saudable. Na súa intervención, a titular de Sanidade chamou a toda a cidadanía a ter uns hábitos saudables que permitan "quitarlle peso á obesidade" e así "vivir en benestar e saúde para nós, e para as xeracións futuras".

Tanto o alcalde como a conselleira animaron aos vigueses a achegarse á carpa e participar nos programas para mellorar a súa calidade de vida, incrementando a práctica da actividade física, levando unha alimentación saudable e fomentando a vida sen tabaco.

A carpa Pasea a túa saúde
É unha iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade para informar á cidadanía sobre os principais obxectivos do programa Pasea centrado no fomento da vida sen tabaco, a actividade e o exercicio físico, e a alimentación equilibrada.

A instalación inaugurada hoxe en Vigo permanecerá na cidade ata o vindeiro venres 22 de agosto na explanada do Náutico de Vigo, para a continuación trasladarse a outras cidades galegas. A carpa conta con sets de valoración da forma física atendidos por un total de 28 profesionais, entre educadores físicos, dietistas e psicólogos, así como diverso persoal auxiliar.

Aberta a toda a poboación
No set de valoración da forma física poden participar todas as persoas que o desexen, a partir dos oito anos sen problemas médicos que contraindiquen a realización das probas. Unha vez dentro, os profesionais medirán o seu índice de masa corporal e a proporción e distribución da graxa do corpo, a flexibilidade, a forza muscular, a resistencia cardiovascular e o equilibrio.

Ao rematar, todos os participantes recibirán recomendacións personalizadas por parte dos profesionais, tanto sobre práctica de actividade física a realizar, como sobre a dieta a manter, e cada participante, a súa respectiva ficha de resultados de cada proba.

Ademais deste set, a carpa conta cun apartado de promoción da vida sen tabaco, e tamén un servizo gratuíto de préstamo de bicicletas.

Descargar todas as imaxes