Escoitar

O concelleiro Xabier Alonso espera que os deportistas vigueses fagan un bo papel en Pequín

Esta é unha semana decisiva para os deportistas vigueses que compiten nos Xogos Olímpicos de Pequín, polo que o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso lles desexa sorte nesta cita e espera "un bo papel" dos deportistas na semana máis importante deles nos Xogos. Así, mañá martes, ás 22.15 horas (16.15 horas en España), Tamara Abalde e as súas compañeiras inician o asalto ás medallas ao comezar a fase de cruces no torneo de baloncesto feminino. Mentres, os atletas Santi Pérez e David Gómez preparan, respectivamente, as súas probas de 50 quilómetros marcha e decatlon.

luns, 18 ago 2008
1219064964pequin.jpg
"En deporte, o traballo se fai antes dunha gran cita, e eles chegan aos Xogos cos deberes feitos", salientou o concelleiro de Deportes, quen salientou a importancia das probas que se celebran mañá, 19 de agosto. En concreto, ás 22.15 horas (16.15 horas en España), Tamara Abalde e as súas compañeiras iniciarán a fase de cruces no torneo de baloncesto feminino. Pola súa banda, os atletas Santi Pérez e David Gómez preparan as súas probas de 50 quilómetros marcha e decatlon, respectivamente. O céltico Gómez comeza a competición o xoves ás 3.20 da madrugada (hora española) coa proba de 100 metros, mentres que Pérez farao o venres (1.30 horas). David Gómez arrastra problemas nun pé e foi infiltrado. Tras o seu último adestramento espéralle o repouso e a concentración para os que son os seus segundos Xogos Olímpicos consecutivos, do mesmo xeito que Pérez.

De todas elas, a primeira cita importante é a de mañá. A viguesa Tamara Abalde, debutante nuns Xogos, e as súas compañeiras da selección española de baloncesto (hai dúas célticas, Alba Torrens e Laura Nicholls) mediranse á selección de Rusia no último dos catro cruces de cuartos de final do torneo olímpico. Reeditan así a final do Eurobasket 2007 en Polonia, gañada polas ex soviéticas (74-68). Na clasificatoria dese torneo, Rusia tamén se impuxo (49-64). No Mundial de Brasil 2006, Rusia apeou a España nos cuartos de final (56-60). O último triunfo hispano fronte ás rusas nun torneo oficial produciuse no Europeo de Turquía en 2005 (83-77).

A vitoria de España ante Mali (79-47) na quinta e última xornada do grupo B o domingo, unida ao triunfo de China sobre Chequia (79-63), levou ás xogadoras de Evaristo Pérez ao terceiro lugar con tres partidos gañados e dous perdidos, superada soamente por Estados Unidos (5-0) e China (4-1). España impúxose a Nova Zelandia (85-62), Chequia (74-55) e Mali, caendo contra China (64-67) e Estados Unidos (55-93). No grupo A, Rusia perdeu o seu choque polo primeiro posto ante Australia (55-75) e rematou segunda. O pasado 25 de xullo, España derrotou a Rusia no torneo amigable de Moscova (73-90). Nesta situación, España irá pola parte máis dura do cadro, pois no caso de apear a Rusia, en semifinais esperaría o gañador do Estados Unidos-Corea, e as americanas son as actuais campioas olímpicas.

Na selección española de baloncesto feminino tamén figuran dous vigueses no cadro técnico: a segunda adestradora, Susana García, tamén adestradora axudante no Celta Indepo, e o preparador físico Domingo Salinas. Os emparellamentos de cuartos serán mañá martes na seguinte orde (hora galega):
China-Bielorrusia (8.30).
Australia-Chequia (10.45).
USA-Corea do Sur (14.00).
Rusia-España (16.15, TVE).
Descargar todas as imaxes