Escoitar

O Marisquiño 2008 traerá a Vigo ós mellores deportistas e o concerto de Violadores del Verso

O evento urbano multidisciplinar máis importante do momento introducirá no seu programa do domingo unha exhibición de wakeboard na dársena de A Laxe

xoves, 7 ago 2008
1218113346marisquinob070808.jpg
Consolidado como unha das grandes citas da cidade, O Marisquiño celebrará os días 9 e 10 de agosto a súa oitava edición cun programa que vai medrando ano tras ano. O evento foi presentado esta mañá polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, o concelleiro de Cultura, Xesus López, o coordinador do evento, Carlos Domínguez "Piti", un responsable da marca Vans, Alberto Quintela e o responsable de Marketing de Estrella Galicia, Juan Paz.

Santi Domínguez salientou a importancia que O Marisquiño ten para Vigo, sobre todo tendo en conta que a gran calidade do mesmo "enche un oco para un público alternativo e ofrece actividades que non se ven habitualmente nas cidades". A celebración de O Marisquiño é un dos pratos fortes das festas, e nese sentido Domínguez subliñou o total apoio ofrecido dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, dado que se trata "dunha idea divertida, creativa e diferente e que coincide coa idea que nós temos sobre as festas".

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Xesus López, fixo referencia ao gran crecemento que este ano quedou patente coa programación para estes dous días e salientou o concerto que ofrecerán Violadores del Verso na cidade. "O mellor grupo de Hip Hop nacional actuará no Peirao de Trasatlánticos como peche de ouro deste Marisquiño 2008", dixo o concelleiro, quen lembrou que este concerto será de balde.

No relativo aos patrocinadores, os dous representantes coincidiron en sinalar a importancia nacional que acadou O Marisquiño ao longo destes oito anos e que converteron a Vigo nun referente estatal dos deportes e das actividades alternativas. Ademais, felicitaron á organización por levar para diante con tanto éxito un "evento tan difícil de atopar por todo o mundo como é O Marisquiño".

Finalmente, Carlos Domínguez "Piti", explicou máis polo miúdo a programación para toda a fin de semana, e tendo en conta as modalidades que acolle O Marisquiño. No aspecto deportivo, o skateboard deste evento consolidouse coma un dos campionatos máis importantes de Europa, e como aconteceu en anos anteriores, a proba contará con grandes nomes nacionais e internacionais. Por outra banda, a modalidade de BMX ofrecerá acrobacias imposibles no aire e no chan grazas á pericia de pilotos tan importantes como o campión do mundo, Viki Gómez, ou Matt Dagu, segundo no ranking internacional. Pero sen dúbida, unha das grandes sorpresas desta edición de O Marisquiño será a exhibición de wakeboard na dársena de A Laxe, unha modalidade que mistura o surf, o skate e o snow na auga. Pankour por toda a cidade, breakdance, música e un área de exposición da arte urbana serán os complementos de dúas xornadas que darán comezo o día 9 de agosto ás 10.30 horas e finalizarán ao día seguinte co concerto de Violadores del Verso no Peirao de Trasatlánticos. Ademais, os interesados poderán facer un "seguimento online" de todo o que aconteza na zona do Paseo Marítimo do Náutico de Vigo a través da web www.omarisquino.com.
Descargar todas as imaxes