Escoitar

Lois Castrillo afirma que Conxemar ten ”unha perspectiva de futuro moi prometedora”

martes, 2 out 2001
O alcalde, Lois Castrillo, inaugurou a III Feira Internacional de Productos Conxelados que conta coa presencia de 245 expositores dos que máis dun tercio son estranxeiros. Maioristas, importadores, transformadores, frigoristas, fabricantes, distribuidores e industriais auxiliares daranse cita estes días en Cotogrande.



Discurso do alcalde de Vigo na inauguración de Conxemar

Hai dous anos, moitos dos aquí presentes saudábamos a creación de Conxemar como unha boa oportunidade para proxectar tanto en Vigo como no exterior o enorme potencial da nosa industria transformadora de productos do mar. Semellaba lóxico que Vigo, primeiro porto do mundo en movemento de peixe para consumo humano e sede dunha importantísima industria do conxelado, dispuxese dun certame feiral dende o que promocionar os productos das súas empresas.

Co tempo estase a demostrar que aquela feliz iniciativa xurdía en terreo abonado. Non temos máis que revisar como medrou nesta terceira edición o número de expositores para decatármonos de que Conxemar é unha feira consolidada e cunha perspectiva de futuro moi prometedora.

Con anterioridade cualifiquei como lóxico o nacemento en Vigo dun certame especializado no sector do conxelado. A miña afirmación apóiase en datos elocuentes: cada ano se descarga máis peixe conxelado no noso porto, a cifra é xa de 475 mil toneladas: ademáis, a capacidade frigorífica instalada na ría segue crecendo, rolda os 500 mil metros cúbicos. Abonda neste razonamento o feito de que en Vigo teñan a súa sede as máis importantes empresas do sector, sociedades que ademáis están a facer un notable esforzo investidor nos últimos anos para reforzar a súa posición nun mercado moi competitivo, pero no que sen dúbida Vigo actúa dende unha posición vantaxosa.

A conxunción das cualidades de ser gran porto pesqueiro, de albergar unha puxante industria e de contar asemade cuns modernos servicios loxísticos fai que a nosa cidade teña que ser obrigadamente punto de referencia en todo o mundo na comercialización de conxelados. A iso coadxuva tamén este evento que en cada edición suscita maior interese e atrae máis visitantes españois e estranxeiros.

O desenvolvemento de Conxemar é posible tamén gracias a que podemos dispoñer dun recinto feiral situado no centro da eurorrexión Galicia-norte de Portugal, ben comunicado e cunhas instalacións que melloran ano tras ano para ofrecer máis servicios aos seus usuarios.

O Instituto Feiral de Vigo ten establecida como liña estratéxica de actuación a de primar a organización de feiras especializadas en sectores cun forte arraigo en Vigo e na súa área de influencia. Ese é o caso de Conxemar, un certame moi profesionalizado, valorado internacionalmente como demostra a presencia de firmas e visitantes de numerosos paises, e que se centra nunha actividade que, como acabo de explicar, ten en Vigo unha apreciable importancia económica. O Ifevi fará o que estea na súa man para que Conxemar se consolide como a segunda feira do mundo no seu sector, porque a nosa vontade e o noso obxectivo é o de colaborar estreitamente co tecido empresarial da nosa bisbarra apoiando a súa promoción.

Vou acabar felicitando de antemán aos organizadores polo seguro éxito da feira e dando a benvida a Vigo a todos os participantes. Teño a certeza de que se levarán un bo recordo da súa estadía entre nós, porque esta cidade, cosmopolita e aberta, sempre trata con cordialidade a quen a visita.