Escoitar

Cursos de formación para desempregados con compromiso de contratación

luns, 26 mar 2001
A Comisión de Goberno, a proposta da Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, aprobou hoxe o primeiro Plan formativo deste ano 2001 do “Programa de formación en empresas con compromiso de contratación” que, no marco do Plan Municipal de Emprego 2000-2003, beneficiará a setenta e cinco desempregados do municipio de Vigo. As empresas participantes no mesmo asumen a contratación do 50% do alumnado dos cursos por un período no inferior a tres meses, sempre e cando rematen satisfactoriamente a acción formativa.

Os beneficiarios destes cursos, que terán lugar en cinco empresas da cidade, seleccionaranse entre as persoas entrevistadas polo persoal do Servicio de orientación laboral do Concello que teñan dentro do seu itinerario formativo a necesidade de realizar cursos de formación ocupacional.

Este Programa de formación en empresas, para o que a Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego nesta primeira edición destina máis de 12 millóns de pesetas, supón continuar na liña da experiencia exitosa obtida no proxecto europeo Sísifo, no que 195 rapaces se formaron e en gran parte acadaron a súa inserción no mercado laboral. Para o deseño dos cursos formativos deste ano 2001 tivéronse en conta os intereses formativos manifestados polas persoas usuarias do Servicio de Orientación Laboral do Concello e, as necesidades detectadas no mercado de traballo.

A formación ocupacional con este tipo de actuacións realízase nun ámbito productivo real, que é a empresa, onde o alumnado pode observar e desempeñar as actividades e funcións propias dos distintos postos de traballo, coñece-las relacións laborais e a organizacións dos procesos productivos. A materialización destes cursos farase despois da sinatura dos correspondentes convenios de colaboración entre o Concello e as entidades participantes neste programa formativo do Plan Municipal de Emprego 2000-2003.