Escoitar

A americana Irit Batsry gañou o primeiro premio do Festival Internacional de Vídeo

luns, 26 mar 2001
O IX Festival Internacional de Vídeo e Novos Media clausurou a sección competitiva coa entrega dos premios ás creacións gañadoras. Nesta sección participaron unha trintena de obras escollidas de entre un cento de cintas recibidas de todo o mundo.

O xurado encargado de outorgar os premios estivo formado por Jaime Fandiño, realizador da TVG e profesor na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo: por Hartmut Jahm, profesor de audiovisuais da Universidade de Tecnoloxía Aplicada de Mainz e por Carlos Osorio, productor.

O vídeo premiado foi ”These are not my images(Neither there nor here)” de Irit Batsry (Estados Unidos), e os accésit foron para ”Dog interface” de Juan Pablo Echeverry Ciancio (A Coruña) e para ”Embarcadero” de Oscar Clemente (Sevilla). Os autores dos dous primeiros premios estiveron presentes na clausura para recollelos.

Irit Batsry atópase actualmente en Porto onde está a deseñar unha videoinstalación que se presentará o vindeiro mes de outubro con motivo da capitalidade europea da cultura desta cidade. Trasladouse a Vigo a fin de semana pasada para estar presente na clausura. Juan Pablo Echeverry viaxou desde A Coruña, cidade na que vive.

Irit Batsry é unha artista que traballa fundamentalmente en vídeo e instalacións. O seu traballo mostrouse en trinta e cinco países, recibindo premios como o Guggenheim Foundation Fellowship ou os últimos do ano 1999: The Daniel Langlois Foundation for Arts, Science and Technology de Montreal e The New York State Council of Arts.

”These are not my images (neitherthere nor here)” é unha obra de 80 minutos na que se misturan xéneros como o documental, ensaio, experimental e narrativo co obxecto de cuestionar o xeito de ver e de mostrar a realidade. As imaxes e os sons recolleunos en Tamil Nadu, na India. Unhas imaxes traballadas segundo técnicas semellantes á fotografía, pintura, ou cine, con alternancia de tecnoloxía analóxica e dixital.

Unha viaxe na que a realizadora contacta coas voces e as persoas que vai atopando, introducíndoas no discurso sonoro e visual , evocando diferentes significados da palabra ”lugar”: unha localización, un territorio, un contexto, unha situación, un fogar.

Juan Pablo Etcheverry, estudiou Belas Artes nas Facultades de Pontevedra e Barcelona. Cunha beca Erasmus estudiou no ano 1998 na Facultade de Saint Martins de Londres, no departamento de cine e vídeo. Un dos últimos proxectos realizados foi a colaboración na montaxe da exposición de William Kentridge no Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona en xaneiro do 1999.

”Dog interface” é un vídeo de tres minutos dirixido e producido por Juan Pablo Echeverry usando a técnica de animación de plastilina e imaxe real. Con este traballo gañou, entre outros, o Premio de Bronce no 23 Festival de Vídeo de Tokyo do presente ano.

A novena edición do Festival Internacional de Vídeo e Novos Media clausurouse esta fin de semana na Casa das Artes. No acto, estivo presente o concelleiro de Cultura, Carlos González Príncipe, ademais dos galardonados.

Clausurouse tamén a exposición sobre Net.art, unha ventá aberta ós sitios relacionados coa creación na rede espallados polos cinco continentes.

Remataron as xornadas de debate e presentación de experiencias e centros de producción, realización e distribución de traballos relacionados cos soportes electrónicos e informáticos. Unhas sesións nas que participaron profesores como Juan Nogueira, da E.T.S. de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo ou Hartmut Jahm, profesor de audiovisuais da Universidade de Tecnoloxía Aplicada de Mainz (Alemaña). Presentaron as súas creacións artistas como Sigride Coggins e falaron dos centros de creación e distribución de arte na rede Rudolf rieling do ZKM ,Annie Aguettaz da asociación Imagespassages (Francia) e Sandra Fauconnier de V2- organisation de Rotterdam.