Escoitar

Declaración do Instituto Municipal dos Deportes ante a morte de Xosé Manuel Gómez Carballo e de Camilo Pérez

venres, 23 mar 2001
A Concellería de Deportes de Vigo declara loito oficial na vindeira fin de semana naquelas competicións deportivas que se desenvolven na cidade, en memoria e lembranza de José Manuel Gómez Carballo e Camilo Pérez Vázquez. Con tal motivo, prégase a tódolos clubes que realicen os seus partidos de competición garden un minuto de silencio por estas dúas persoas ó seu comezo.

Así mesmo, comunícase a tódalas persoas que haberá unha homenaxe popular a José Manuel Gómez Carballo e Camilo Pérez Vázquez, que se desenvolverá no primeiro encontro que o Celta Banco Simeón xogue na cidade.

O Instituto Municipal dos Deportes en reunión urxente do seu Consello de Administración, acordou por unanimidade que nos prolegómenos dese encontro se descubra no propio Pavillón Central das Travesas unha placa en honra e recordo destes dous homes que tanto traballaron polo deporte na cidade.

Declaración do Instituto Municipal dos Deportes

O deporte vigués vai tardar moito tempo en superar o estado de consternación en que a todos nos sumiron as mortes de Xosé Manuel Gómez Carballo e de Camilo Pérez. Énchenos de dor o falecemento de dúas persoas entregadas ao mundo do deporte, pero sobre todo lamentamos a perda de dous homes bos, traballadores, xenerosos e dialogantes.

É abondo coñecido o gran labor que realizaron Xosé Manuel e Camilo a prol do baloncesto na nosa cidade. Sen embargo, non está de máis lembrar que foron os artífices dos máis grandes éxitos acadados neste deporte por equipos da nosa cidade.

O Celta Banco Simeon é hoxe o equipo máis laureado de Vigo. Dúas ligas e unha copa da Raiña avalan o prestixio que o clube labrou nos últimos anos. Ninguén dubida de que boa parte do mérito deses logros corresponde a Xosé Manuel e a Camilo. Foron moitas horas de traballo desinteresado, xornadas de sacrificio para vencer enormes dificultades, e un optimismo que os levou a superar obstáculos e sacar adiante un clube que levou con orgullo o nome da nosa cidade por toda a península.

Por todo iso debemos estarlle agradecidos a Xosé Manuel e a Camilo, e por todo iso e máis terémolos sempre presentes na nosa memoria. Hoxe, o Consello de Administración do IMD quere manifestar todo o seu apoio ás familias destes dous valedores do deporte vigués. Compartimos con eles a profunda dor que causa a súa perda.



Máis información: artigo do concelleiro de Deportes Santiago Domínguez na sección de OPINIÓN.