O Pleno pide por oitava vez neste ano que a Xunta e a Deputación acheguen cartos para a captación de voos
O alcalde reprochou aos grupos da oposición que non apoien en Vigo o mesmo que fan en Santiago, cunha alcaldesa do BNG e a Xunta de Galicia gobernada polo PP. A moción do Grupo Municipal Socialista só obtivo os votos favorables do Goberno local, mentres que o Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego votaron en contra.
Deste xeito, saíu adiante a moción instando á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra a pagar un terzo do custo dos voos que se contraten desde o aeroporto de Vigo mediante o sistema de publicidade en compañías, do mesmo xeito que se fai en Santiago.
O rexedor defendeu este modelo e explicou que o mecanismo consiste en contratar publicidade nas propias compañías que operan as rutas, e rexeitou que se trate dunha subvención directa aos voos. “É o sistema que se utiliza en Santiago, coa Xunta e co Concello, e tamén na Coruña e noutros aeroportos de España”, afirmou.
Amais, defendeu que o sistema de promoción utilizado anteriormente en Peinador permitiu incorporar novas rutas. Con isto, o alcalde lembrou que durante a etapa de Carmela Silva ao fronte da Deputación existía un convenio polo que a institución provincial asumía parte do financiamento que se acordase para a captación de rutas. “Nós queremos que Xunta, Deputación e Concello paguemos a terzos a publicidade nas compañías que fagan os voos a Vigo”, reiterou.
Caballero argumentou que Peinador presta servizo máis alá do propio municipio: “Desde Vigo non voa só xente de Vigo. Vigo é provincia de Pontevedra e tamén é Galicia”, polo que considera “razoable” que tanto a administración provincial como a autonómica contribúan á captación de conexións. Finalmente cuestionou que a Xunta e a Deputación rexeiten para Vigo un mecanismo que, segundo sinalou, si se utiliza para apoiar conexións desde outros aeroportos galegos. Neste contexto, acusou ao anterior Goberno de Alberto Núñez Feijóo de ter promovido unha estratexia de “aeroporto único” centrada en Santiago e afirmou que percibe unha continuidade nesa política cara ao aeroporto de Vigo.
Liberación das peaxes na AP-9
O Pleno tamén aprobou cos votos favorables do Grupo Socialista e do Grupo do BNG a gratuidade da AP-9. A moción defendida por Xabier Pérez Igrexas pide “o prazo máis breve posible” para levar adiante a transferencia e gratuidade da autoestrada.