Viva Suecia esgota en minutos as reservas en liña para Castrelos
A venda das reservas de platea para o concerto de Viva Suecia en Castrelos comezou este martes cunha elevada demanda. As 500 localidades dispoñibles en liña durante a quenda da mañá esgotáronse en poucos minutos, mentres que as 2.000 reservas presenciais están a venderse “a moi bo ritmo”, segundo avanzou Abel Caballero.
Ás 16:00 horas abrirase a segunda quenda, con outras 500 reservas telemáticas na web municipal e 2.000 presenciais nos portelos do Auditorio de Castrelos. “Vese que vai ir moi ben e que haberá unha gran afluencia. Viva Suecia ten unha enorme pegada”, destacou o alcalde, quen relacionou a rápida resposta do público coa expectación xerada pola chegada da banda murciana á cidade.
Viva Suecia actuará o venres 14 de agosto, ás 22:00 horas, dentro da súa xira Hecho en tiempos de paz. A banda é unha das principais referencias do indie español e chega a Vigo despois das numerosas peticións recibidas para incorporala á programación municipal de Castrelos.
Caballero lembrou tamén que este mércores 5 de agosto sairán á venda as 5.000 reservas para o concerto de Iván Ferreiro, que se celebrará o sábado 15 de agosto no auditorio vigués.