Vigo acolle a terceira edición de “Rueda Academia de Cine” do 20 ao 24 de abril
O programa de desenvolvemento audiovisual que está impulsado pola Academia de Cine e o Concello de Vigo, a través da Vigo Film Office, contará coa participación de máis de 50 cineastas.
O alcalde destacou que ao longo da próxima semana creativos audiovisuais de toda España e cineastas de primeiro nivel participan nunha ampla programación de actividades relacionadas co cine e observarán “o que pode achegar Vigo” nas súas producións.
Caballero destacou que, coa nova edición de “Rueda Academia de Cine”, o Concello impulsa a promoción e o coñecemento da cidade entre os creativos.
Do 20 ao 24 de abril, a cidade galega acollerá unha ampla programación con mentorías para os proxectos seleccionados, actividades formativas e sesións abertas deseñadas para o público e para centros educativos da cidade, nas que participarán coñecidos cineastas como Aitor Arregi, Alain Guiraudie, Pilar Palomero, Celia Rico e os galegos Diana Toucedo, Anxos Fazáns, Guillermo de Oliveira, Miguel Barros e Noemí Chantada.
As directoras Pilar Palomero (Los destellos, La maternal) e Celia Rico (La buena letra, Los pequeños amores) serán as mentoras en Vigo dos proxectos dos seis participantes do programa Rueda desta edición —entre os que se atopa a viguesa Eire Cid— o luns e o martes no MARCO. Xa o martes pola tarde sumaranse ao encontro os vinte participantes do programa Residencias e un grupo de cineastas galegos seleccionados para participar no resto de actividades programadas.
Entre as actividades, os cineastas participarán o xoves nun obradoiro impartido polo Equipo SOPA, unha axencia creativa especializada na conceptualización de marcas e no desenvolvemento dos seus universos visuais, verbais e experienciais, que traballaron para series como La Mesías, El otro lado ou Arde Madrid.
Ademais, compartirán impresións co cineasta galego Guillermo de Oliveira —que proximamente estreará a súa película A morte nos teus ollos, rodada en Vigo e arredores—, co guionista Miguel Barros e coa directora de casting Noemí Chantada. O Espazo Redeiras da Universidade de Vigo acollerá estas formacións. O último día, os participantes desprazaranse ao Museo Verbum para coñecer outra parte da cidade e compartir as súas experiencias e proxectos co grupo.
Completarán as actividades destinadas aos residentes cun percorrido pola ría de Vigo o 22 de abril e unha formación sobre o consentimento impartida por Andrea Isasi, directora de casting e coordinadora de intimidade para cinema, televisión e teatro.
As proxeccións abertas á cidadanía comezarán o martes 21 de abril coa proxección de As liñas descontinuas no Museo MARCO, que contará coa presentación da súa directora, Anxos Fazáns. O xoves 23 de abril, no Auditorio do Concello, proxectarase Miséricorde, seguida dun coloquio con Alain Guiraudie, un dos cineastas máis singulares do cinema francés contemporáneo. Por último, o venres, o MARCO recibirá a Aitor Arregi e a historia que dirixiu xunto a José María Goenaga, Maspalomas, que conquistou o Goya ao Mellor Actor Protagonista para José Ramón Soroiz.
O encontro ofrece tamén actividades para centros educativos da cidade. A consultora e experta en diversidade e representación no audiovisual Salima Jirari manterá dúas charlas con alumnado do IES Politécnico de Vigo e do CIFP Audiovisual de Bouzas nas que lles animará a reflexionar sobre os estereotipos presentes no audiovisual. Ademais, Aitor Arregi participará o venres nun encontro co alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), no que lles achegará a súa experiencia na dirección de películas como La trinchera infinita, Marco e Maspalomas.
A programación complétase co programa Proxecta da Academia de Cine, unha iniciativa que traballa para facilitar a reinserción social a través da industria audiovisual en colaboración coa Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias. Así, no Centro de Integración Social Carmen Avendaño Otero de Vigo terá lugar o obradoiro formativo de detección de estereotipos «Como nos mostran, como nos vemos», que impartirá Salima Jirari o 20 de abril. Por outra banda, as persoas usuarias do centro asistirán o martes á proxección de As liñas descontinuas e o venres á de Maspalomas, con coloquio posterior con Aitor Arregi, ambas no MARCO.