O Goberno local reformará a fachada dos locais de Elduayen
Abel Caballero avanzou que a actuación, cun investimento de 178.150 euros, céntrase exclusivamente na fachada exterior co obxectivo de crear unha imaxe continua e uniforme que favoreza a integración deste ámbito nun espazo urbano de alto valor patrimonial.
Segundo explicou o rexedor, non se intervirá nos espazos interiores nin se modificarán os volumes existentes. Manteranse os accesos actuais aos locais, que serán panelados co mesmo material previsto para o conxunto da fachada, garantindo coherencia estética.
O proxecto incorpora iluminación ornamental para realzar a nova envolvente e contempla a instalación dunha pantalla informativa, que inicialmente ofrecerá contidos sobre a actividade e as exposicións da Pinacoteca municipal, aínda que poderá adaptarse ás necesidades informativas do Concello.
“Queremos integrar plenamente estes locais no novo deseño urbano do centro”, sinalou Caballero, enmarcando a intervención na profunda transformación que vive este eixo estratéxico da cidade.
Paralelamente, o Concello continúa traballando na recuperación dos baixos da rúa Carral. O alcalde lembrou tamén a recente recuperación da fachada da praza fronte á Oliveira no Paseo Alfonso XII.
“A xente quere ver a cidade fermosa, coidada e moderna. Estamos construíndo o Vigo do século XXI”, concluíu o alcalde.