VARCO25 reúne 30 artistas como espazo de encontro para a creación artística
Abel Caballero participou este luns na presentación da segunda edición de VARCO, Vigo Arte Contemporánea e noroeste atlántico que ofrece unha revisión da arte contemporánea galega achegando a obra das artistas, que son maioría, ao público.
O Auditorio Mar de Vigo acolle desde este venres 28 e ata o domingo 30 de novembro, VARCO 25, Vigo Arte Contemporánea e noroeste atlántico. Na presentación estiveron presentes Eva Tarrío, a comisaria; María Torres, comisaria; Isabel Alonso, escultora viguesa; e Diana Cordero, artista, a quen o alcalde felicitou pola organización e por ser capaces de conformar este lugar de intercambio de ámbitos culturais, convidando á cidade a sumarse a esta proposta.
VARCO25 será un lugar de encontro para a creación artística que ofrece unha revisión da arte contemporánea galega e unha oportunidade para aumentar a oferta cultural da cidade. A primeira edición foi un éxito, e esta segunda, na opinión do rexedor “será unha mostra da capacidade de convocatoria, da capacidade creativa e do que significa a cidade e a súa contorna”, apuntou Caballero.
Eva Tarrío, comisaria de VARCO25, puxo en valor a continuidade do proxecto e a presenza maioritaria da arte feminina, que converte o encontro nun espazo de visibilidade e de aproximación aos artistas e á súa obra podendo adquirir algunhas das súas pezas.
A principal novidade é a participación de 5 artistas do norte de Portugal, coa presenza en total de 30 participantes, entre traxectorias veteranas e emerxentes. A outra novidade é a entrega dos Premios Adquisición VARCO25, polo que varias empresas acordarán a adquisición de obra dun artista.
As persoas visitantes poderán coñecer a todos os artistas durante a fin de semana, haberá sesión mediodía con música en directo, tanto o sábado como o domingo ás 12:30 horas, ademais desenvolveranse talleres de pintura e todo con entrada libre.