Avanza a construción do ascensor que conectará Romil con Hispanidade
O alcalde visitou as obras nas que o goberno local investiu 1.439.000 euros dos cales 945.528 proceden de do Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España dotado cos fondos europeos Next Generation EU.
                    O rexedor explicou que, ao iniciar os traballos, detectouse que a rúa Hispanidade non estaba cimentada, unha circunstancia que puxo de manifesto “como se facían as cousas noutros tempos”. O Concello decidiu reforzar de maneira importante a cimentación no tramo onde se construirá o ascensor.
O proxecto inclúe tamén unha pasarela, que conectará os dous niveis e que, segundo destacou Caballero, “converterá o conxunto nun espazo aínda máis fermoso desde o punto de vista estético”.
“Trátase dunha obra moi importante, que dará servizo entre Romil e Hispanidade e que permitirá crear un corredor peonil continuo desde a zona de Beiramar ata o Castro”, sinalou o alcalde.
O ascensor terá capacidade para 13 persoas. Na actuación renovaranse 170 metros da rúa con novos pavimentos, novas beirarrúas, cambio das redes de saneamento, abastecemento e pluviais, novas canalizacións dos servizos para soterrar a iluminación pública e semáforos, nova sinalización e redes de rega, novo mobiliario urbano, luminarias, xardinería vexetal e arbórea e elementos decorativos.