Caballero urxe á Xunta a reducir "inmediatamente" o caudal ecolóxico da presa de Eiras
O alcalde urxe á Xunta de Galicia a reducir “de forma inmediata” o caudal ecolóxico que sae da presa de Eiras para afrontar a actual situación de seca “severa” e ante a falta de previsión de choiva no próximos quince días.

Abel Caballero apuntou este martes que a Xunta “non pode aumentar o caudal ecolóxico como quere facelo. Ao revés, ten que diminuílo con respecto ao actual”, unha medida que cualifica de urxente.
Así, lembra que o caudal ecolóxico previsto para situacións como a actual, de prealerta por seca, mantén toda a biodiversidade, “polo que non significa un dano”. O rexedor recalcou que “estamos nunha situación moi complicada e a Xunta empeóraa. Non só non tomou as medidas que tiña que tomar, non só non quere facer unha segunda presa augas arriba que non dana a ninguén, senón que, ademais, aumenta o caudal ecolóxico porque teñen unha programación absolutamente impensable, ridícula, desastrosamente mala e queren que Vigo quede sen auga”.