Escoitar

O alcalde ratifica na inauguración de Conxemar o seu firme compromiso coa ampliación do IFEVI

O alcalde puxo en valor hoxe os logros alcanzados polo sector transformador dos produtos do mar ao manter a Conxemar e a Vigo, durante vinte e seis anos, como referente mundial da pesca e do conxelado. “Sodes uns heroes” afirmou Caballero no acto de inauguración da cita feiral onde reiterou seu compromiso, " firme, e indubidable" coa ampliación do recinto feiral en función dos intereses de Conxemar.

martes, 7 out 2025

Abel Caballero, tras destacar hoxe o profundo enraizamento de Conxemar en Vigo, chamou a permanecer “atentos” ante posibles novos envites para que a feira se desprace a outras cidades. “O risco está aí e temos que fortalecer Conxemar e ampliar o recinto para que a feira non teña que deixar sen atender demandas de expositores e de persoas que queren estar aquí”, asegurou o alcalde ante o ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas; a conselleira de Pesca, Marta Villaverde, e os integrantes do comité organizador da feira.

O rexedor reafirmou o compromiso de Zona Franca de "empezar mañá mesmo a ampliación" que custeará integramente, lembrando que “é precisa a aprobación previa de todas as partes porque é un requisito legal sen o que non se pode proceder e por iso insto a que rapidamente nos poñamos a facer a valoración dos activos e de forma inmediata Zona Franca poida proceder coa ampliación do recinto feiral porque é bo para a pesca, para Vigo, Galicia e para todos”.

Defensa da pesca

O alcalde trasladou o seu “orgullo de cidade e de sector” aos responsables de Conxemar por ser capaces de alcanzar todos os logros coa feira, “a xoia da coroa da pesca do mundo”, á vez que reclamou á Comisión Europea que “cambie algunhas decisións” e expresou a súa confianza en que o ministro de Pesca Luis Planas exercerá “a súa función de defensa dos intereses da pesca no orzamento que a Comisión acaba de poñer encima da mesa e que non nos satisfai”.

Caballero chamou aos responsables comunitarios a non “ seguir cometendo erros no mundo da pesca”. Incidiu en que o sector é obxecto, “desde a demagoxia e o populismo barato” dos ataques “do ecoloxismo mal entendido, que pretende simular e dicir” que a pesca destrúe os mares e que é antiecolóxica. “Os verdadeiros ecoloxistas sodes vós e os ministros saben que o futuro do benestar do mar é o futuro do benestar da pesca. Os primeiros interesados en manter os mares e océamos na mellor situación”.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes