Samil e O Vao accesibles para persoas con mobilidade reducida
Ata finais do mes de agosto estará en funcionamento o servizo de baño adaptado nas praias de Samil e O Vao, que permite que as persoas con mobilidade reducida gocen das augas da ría.

O alcalde achegouse este luns o areal de Samil para ver de primeira man o funcionamento do servizo de baño adaptado para persoas con mobilidade reducida que o Goberno municipal presta en Samil e O Vao.
O servizo desenvólvese do 15 de xuño ata o 31 de agosto ofrecendo varias posibilidades a quen queira utilizalo: baño adaptado con cadeira anfibia, colaboración no acceso e saída da praia e cesión de muletas anfibias. Con ese fin, o Concello ten destinados un responsable do servizo e tres técnicos en cada un dos postos, tanto Samil como O Vao.
Amais conta con diferentes medios que permiten realizar estes baños adaptados: 2 cadeiras anfibias en Samil e 1 no Vao, 2 guindastres hidráulicos para a mobilidade das persoas desde a súa cadeira de rodas ata a cadeira anfibia, e viceversa; 2 padiolas para facilitar as tarefas de cambiado de roupa, 2 biombos para dotar da debida intimidade no cambiado de roupa, 8 chalecos salvavidas e 6 pares de muletas anfibias de diferentes tamaños.
Pulseiras identificativas
Ademais, o Concello ten a disposición das persoas usuarias da praia 1.500 pulseiras identificativas para evitar a perda de nenas e nenos. A cada persoa que solicita unha pulseira, entrégaselle de forma gratuíta. Nela pódese escribir o teléfono da nai, pai ou titor do menor e, no caso de que se perda, “a localización é inmediata”, tal e como apuntou o alcalde porque permite o contacto directo coa familia.
Caballero explicou que as pulseiras poden recollerse nos postos de vixilancia que o servizo de socorrismo ten despregados en Rodas, Fortiñón, Canido, Vao, Fontaíña, Samil (3), Argazada, Tombo do Gato, Santa Baia, Carril, O Adro, A Punta e Mende. Tamén na oficina de Costa e Praia da Policía Local en Samil (Centro de Coordinación de Emerxencias en Praias).


