O xardín histórico de Castrelos centra unha xornada de estudo con expertos
Trátase da primeira actividade da programación especial polo centenario da doazón do Pazo de Castrelos á cidade por parte do Marqués de Alcedo.

“O Pazo de Castrelos, unha experiencia práctica na xestión e restauración de xardíns históricos” é o título da xornada que acollerá o museo o vindeiro venres, 14 de marzo.
O alcalde avanzou que se trata dun dos actos “importantes” do programa do centenario da doazón do Pazo á cidade por parte do Marqués de Alcedo e apuntou que o obxectivo deste ano é “poñer en valor e divulgar o que significa o Pazo, que é unha xoia irrepetible. É un dos mellores pazos do mundo”.
A xornada, organizada xunto á Fundación Juana de Vega, contará coa participación de profesores e investigadores en paisaxismo, xardinería e patrimonio artístico e cultural que abordarán diferentes aspectos: desde a historia do Pazo, aos valores botánicos de Castrelos e a restauración dos xardíns históricos en Galicia. A xornada inclúe tamén un paseo polos xardíns.