O Concello dedicará 850.000 euros anuais para atender a seguridade de 13 areais da cidade
O goberno local destinará 850.000 euros anuais para asegurar as mellores condicións de baño nas praias de Vigo. O próximo verán este servizo estenderase a 13 praias entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.
Abel Caballero avanzou a licitación do servizo de socorrismo e salvamento das praias de Vigo para os próximos catro anos, con posibilidade dunha prórroga. Cun importe de 3,4 millóns -uns 850.000 euros ao ano -, o contrato inclúe a asistencia para o baño accesible para persoas con mobilidade reducida en Samil e O Vao.
O rexedor avanzou que se dará servizo a 13 praias, unha máis que nos anos anteriores, dado que se suma o areal de O Mende, en Teis, para o que este ano tamén se solicitou bandeira azul. Deste modo, Rodas, Fortiñón, Canido, O Vao, Fontaíña, Samil, Argazada, La Fuente ou Tombo do Gato, Santa Baia, Carril, O Adro, A Punta e O Mende contarán este verán con socorrismo e salvamento. “Somos a cidade de toda España que atende un maior número de areais”, destacou.
Ademais, este ano incorpórase unha nova prestación: a vixilancia e rescate con moto acuática. O servizo de socorrismo estará operativo entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.
Este servizo inclúe, en primeiro termo, tarefas de vixilancia e supervisión da zona do baño; facer respectar a prohibición de que as embarcacións a motor e practicantes de vela, esquí acuático, surf ou outras actividades similares; izar a bandeira de sinalización do estadio do mar; colocar e retirar os sinais identificativos de perigo ocasional; manter a zona de baño libre de animais e de obxectos que poidan presentar riscos para os bañistas.
Realizar rescates, avisar as emerxencias ou practicar os primeiros auxilios son outras das funcións desta prestación, que se completa cunha ambulancia para atender os posibles accidentados nos areais.
Quioscos de praia
A Xunta de Goberno dará luz verde tamén á proposta de ocupación de espazos para os quioscos de praia dos próximos tres anos. Este documento será remitido a Costas á Xunta para que estas administracións poidan dar o visto bo dentro das súas competencias e, posteriormente, procederase á licitación.
O expediente inclúe de 11 quioscos que abrirán entre o 1 de xuño e o 31 de outubro: A Punta, Santa Baia, Argazada, 2 en La Fuente, 3 en Samil, 2 en O Vao e, por último, 1 na Etea. Segundo explicou, as obras do novo paseo e recuperación da duna en Samil obrigarán a que a instalación de Argazada estea situada na zona de céspede o próximo verán.