A Corporación demanda que Rueda rectifique e recoñeza a prioridade do AVE Vigo-Madrid por Cerdedo
A Corporación de Vigo aprobou este luns, coa oposición dos edís do PP e a abstención do BNG, a moción do grupo socialista coa esixencia dirixida ao presidente da Xunta para que rectifique a súa posición pública en contra da construción do AVE Vigo-Madrid directo por Cerdedo, constatada ao asegurar que non é unha actuación prioritaria para Galicia
O Pleno de Vigo constatou hoxe que a conexión directa do AVE a Madrid a través da variante de Cercedo “é unha prioridade”. Así, aprobou a moción do grupo municipal socialista instando a Alfonso Rueda a que pida perdón á cidade por relegar a trascencencia desta actuación e "recoñeza a prioridade" para Vigo e Galicia.
O portavoz do grupo municipal socialista, Carlos López Font, explicou que as declaracións do presidente da Xunta recoñecendo como a súa única prioridade a construción da Saída Sur, da conexión con Porto, e contestando cun “despois xa nos exporemos outras cousas”, ao referise á conexión directa con Madrid coa construción da variante por Cerdedo, motivaron a moción defendida este luns. “¿Como é posible que o responsable do goberno galego non estea a favor dunha infraestrutura imprescindible para Vigo e para Galicia?”, cuestionou. Para o portavoz socialista, o voto en contra dos edís populares constata que “o PP non apoia a conexión directa” do AVE Vigo-Madrid.
Máis docentes
O Concello de Vigo urxirá á Consellería de Educación a dotar aos centros educativos da cidade cos profesores de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, así como cos orientadores necesarios para atender á demanda dos menores. Así se recolle na moción presentada na sesión plenaria de hoxe polo grupo municipal socialista, que foi apoiada polos edís do BNG e rexeitada polos concelleiros do PP.
Normalización lingüística
Os corporativos de Vigo tamén aprobaron hoxe, con 3 votos a favor do BNG e a abstención dos grupos socialistas e do PP, a moción na que o grupo municipal nacionalista reafirma a súa defensa do galego e demanda revisar a actuación do Concello de Vigo en materia lingüística.