O mundo deportivo suma o libro “Os deportes de Vigo e a súa área metropolitana” á súa literatura
Eugenio Álvarez (Vigo, 1960), acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou hoxe o seu novo libro “Os deportes de Vigo e a súa área metropolitana”, un traballo prologado polo alcalde, Abel Caballero, que consta de 176 páxinas e 1.215 imaxes cun crisol de modalidades. O fotógrafo foinas plasmando co seu cámara ao longo de anos de relación co deporte local.
Non é a súa primeira contribución á memoria da cidade, porque exactamente vinte anos atrás editou "Historia de 12 anos – O Real Club Celta e a súa afección”. “Eugenio é historia viva do deporte”, sinalou o concelleiro de Deportes a modo de presentación do reporteiro gráfico na Casa da Cultura. O edil aplaudiu o seu labor e, especialmente, "a súa solidariedade". Álvarez sempre estivo envorcado no servizo á sociedade a través do seu apoio a organizacións non gobernamentais.
Os beneficios deste libro, que editou 2.500 exemplares -15 euros a unidade-, irán a tres asociacións viguesas, Apamp (nenos con parálise cerebral), Adrovi (doantes e receptores de órganos) e AFAN (axuda ao necesitado). “Necesitan moita axuda”, subliñou Eugenio nun acto no antigo concello ao que acudiron numerosas persoas relacionadas co deporte vigués. Ademais dos edís Manel Fernández e Gorka Gómez (Concellería de Cultura), asistiron dirixentes de varios clubs de elite e da Real Federación Galega de Fútbol, entre outros, para arroupar a quen xa anunciou que haberá máis contribucións á bibliografía viguesa, pois prepara outro volume sobre as peñas célticas.
O Concello de Vigo apoia esta iniciativa de Álvarez, como sucedeu con outras publicacións referidas ao mundo do deporte local. O formato deste libro, que lembra tamén a antigos álbums de cromos, achega a visión do fotógrafo sobre diferentes disciplinas, pero tamén dedica páxinas a entidades (Agrupación de Veteranos do Celta, Federación de Peñas) e concellos da área de influencia viguesa.