Escoitar

O Pazo de Castrelos acolle unha mostra de pezas de cerámica castrexa de 24 xacementos galegos

O alcalde avanzou esta mañá que o Pazo de Castrelos albergará a partir do xoves e durante un mes unha exposición da mellor cerámica castrexa de Galicia. Esta “extraordinaria” mostra reunirá 75 réplicas cerámicas procedentes dos 24 xacementos máis representativos de toda Galicia.

martes, 15 out 2024

“A Cerámica Castrexa en Galicia. Investigación e recuperación” é o título da exposición que se inaugurará este xoves no Pazo de Castrelos. Organizada polo Concello xunto á Fundación Terra Termarum, a mostra é o resultado do proxecto de investigación e recuperación de cerámica castrexa en Galicia realizado nos 24 xacementos castrexos máis representativos de Galicia.

Segundo explicou o rexedor, poderá visitarse unha colección de 75 réplicas cerámicas completamente documentadas a nivel formal mantendo referencias históricas e arqueolóxicas en acabados, texturas y formas. Cada cerámica vai acompañada dunha ficha con información sobre a peza orixinal, lugar de orixe, uso… Para realizar a réplica seleccionáronse as pezas mellor conservadas, desde as máis comúns ata as máis decoradas, nos xacementos castrexos.

A mostra, explicou, permite contemplar a cerámica castrexa desde un punto de vista novo, moi didáctico para o público non especializado e moi interesante para os profesionais. A mostra estará aberta entre o 17 de outubro e o 17 de novembro nos seguintes horarios:

Martes a venres (de 10 a 14h)
Sábados (de 17 a 20 h)
Domingos e festivos (11 a 14h)
 

En Vigo hai catro xacementos: Castro de Cíes, Castro de Vigo, Castro da Punta do Muíño do Vento (Alcabre) e Castro de Toralla.

 

Descargar todas as imaxes