Escoitar

O Concello abre o prazo de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais

O vindeiro martes 3 de setembro comeza o proceso de inscrición para o alumnado antigo das diferentes escolas deportivas que suman 5.000 prazas e contan cunha subvención de 440.000 euros anuais.

venres, 30 ago 2024

O alcalde informou este venres do procedemento de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais que ofrecen neste curso 2024-2025 máis de 30 modalidades deportivas dirixidas a mozos e mozas de entre 6 e 18 anos (nacidos entre o 2006 e 2018).

A partir do próximo martes 3 de setembro e ata o día 12 ábrese o prazo para a renovación de prazo do antigo alumnado, que xa practicaba algún deporte, e debe reservar de novo a súa praza. O novo alumnado poderá inscribirse do 16 ao 29 de setembro. As inscricións poden realizarse de maneira presencial nas oficinas de Travesas ou en liña a través da web deportes.vigo.org.

O Concello dedica 440.000 euros anuais ás Escolas Deportivas Municipais e oferta 5.000 prazas amais de poñer a disposición dos clubs as instalacións de maneira gratuíta; son un total de 35 entre pavillóns, campos de fútbol e outros espazos deportivos. As actividades deste curso 2024-2025 desenvolveranse entre o 1 de outubro e o 31 de maio coa participación de 62 entidades deportivas. O programa contou o ano pasado con case 5.000 alumnos participantes.

Descargar todas as imaxes