Escoitar

Caballero: “ Radio Vigo está sempre ao servizo e en defensa de Vigo. Sodes compañeiros perennes das causas xustas da cidade”

Nove décadas ao pé da información, da actualidade, e do entretemento, desenvolvidas por Radio Vigo, quedan reflectidas na exposición conmemorativa inaugurada este xoves na Casa Galega da Cultura. “Son 90 anos de saber o que está a pasar no mundo desde unha visión da cidade, da credibilidade e da fiabilidade”, indicou Abel Caballero. “Sodes compañeiros de viaxes perennes e en todas as causas xustas desta cidade sempre estivestes e estades ao carón da cidade ”, asegurou o rexedor, tras incidir en que “Radio Vigo está sempre ao servizo e en defensa da cidade”.

xoves, 25 abr 2024

“Sempre entretendo, sempre informando, e sempre acompañando” e sendo parte da vida de miles de vigueses. Así describiu hoxe o alcalde o traballo realizado por Radio Vigo desde a súa creación hai 90 anos, na apertura da mostra despregada na Casa Galega da Cultura que recolle a traxectoria do grupo vigués de comunicación.

O alcalde recoñeceu que a familia González de Haz “sempre camiñou coa cidade”, desde os seus inicios en 1924. “Vigo sempre foi unha orientación permanente de Radio Vigo, do voso traballo e a vosa orientación”, recalcou tras poñer en valor que o grupo está na memoria de miles de vigueses.

Caballero explicou que como alcalde representou un orgullo entregar a Radio Vigo a máxima distinción da cidade, “por estar avalada por toda a cidade”.

O rexedor congratulouse de que a empresa siga aliada cos avances tecnolóxicos que neste momento permiten seguir a actualidade de Vigo desde calquera parte do mundo.

Descargar todas as imaxes