Escoitar

O alcalde recrimina á Xunta o baixo número de puntos de antíxenos na cidade

A área sanitaria de Vigo dispón de 2 puntos fixos de libre acceso cidadán para realizar os tests de antíxenos que son “importantes” cando por poboación “corresponderían catro ou cinco”.

martes, 11 xan 2022
O rexedor durante a rolda de prensa deste martes
O rexedor durante a rolda de prensa deste martes

“Segue o maltrato da Xunta de Galicia á cidade de Vigo” denuncia o rexedor, logo de que o Sergas dese a coñecer a disposición de 32 puntos fixos e 20 itinerantes, un total de 52, en Galicia para que a cidadanía poida realizar test de antíxenos de xeito gratuíto.

Caballero apuntou que a área de Vigo “só” dispón de 2 puntos de libre acceso para realizar un test mentres na área sanitaria da Coruña-Cee hai 4 puntos, na área de Santiago-Barbanza hai 6, 3 na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, 7 na área de Lugo-A Mariña-Monforte e 5 puntos fixos na de Pontevedra- O Salnés.

“En Vigo soamente dous. Tendo presente a poboación corresponderían catro ou cinco. Segue o maltrato á cidade e isto é unha constante xa”. Lembrou o alcalde que esta situación vén sumarse ao que está acontecendo na Atención Primaria “con colas en termos de tempo para ser atendido de enfermidades comúns, que son longuísimas” e quixo agradecer aos sanitarios da cidade que non seguiron as “indicacións do conselleiro” de atender soamente aos pacientes Covid ou de urxencia. “Foi un comportamento exemplar porque están tensos e saturados e sometidos a unha presión imposible de soportar. O número de consultas no seu tempo de traballo é insoportablemente alto. A Xunta non contrata, está aforrando a costa da Atención Primaria”, censurou Abel Caballero.

Descargar todas as imaxes