Escoitar

Comenzan as proxeccións do ciclo "cine y casi cine" no Marco

O Museo de Arte Contemporáneo inicia o venres, 5 de marzo, o ciclo "Cine y casi cine" coa proxección dos títulos "The Lost Film" , Europlex e Vacances. O ciclo que durará todo o mes de marzo pretende ser un reflexo da heteroxeneidade da arte e do panorama audiovisual contemporánea ó reunir películas non narrativas, anti-documentais e documentais subxectivos que amosan voces e culturas diversas.

xoves, 4 mar 2004
1078404778T12211.jpg
As películas proxectaranse no salón de actos do MARCO a partir das 20.00 horas. Pago de entrada segundo tarifas:prezo: 3 € .Estudiantes con carné / maiores de 65 anos / desempregados / pensionistas: 2 €. Nenos-as ata 6 anos: gratuíta .De 7 a 14 anos: 1 € .Amigos do MARCO: gratuíta. Bono de 12 € para tódolos días de programación.

The Lost Film. 2003, Beta SP, cor, v.o.s, 42’.Khalil Joreige e Joana Hadjithomas.Nados en Beirut, Líbano, 1969. Viven en París.Cortesía Idéale Audience International, París

"Iemen, maio de 2000: o día do décimo aniversario da reunificación do país desapareceu en estranas circunstancias a copia da nosa primeira longametraxe ao redor da casa rosa. Facemos películas nunha rexión do mundo que case non se interesa polo cine e que, a parte das oficiais, raramente fomenta algunha imaxe. O feito de que alguén se interesase por roubar a copia deixounos enormemente abraiados e motivou que, un ano despois, viaxáramos a Iemen na procura da película perdida para quedar a escasos pasos trala súa pegada. A investigación de The Lost Film requería outro regreso a Iemen pero os eventos do 11 de setembro de 2001 impedíronnos voltar". The Lost Film salienta o significado da representación nesta parte do mundo árabe ao que pertencen os realizadores. Lonxe das percepcións occidentalizadas –moitas veces "orientalistas"–, tentan redefinir a imaxe lonxe dos clichés comúns e de representacións que reflirten a iconografía típica do poder. Alén deste dobre carácter, eles cuestiónanse como poden recoñecerse e ser recoñecidos polas imaxes que producen como cineastas nesta parte do mundo.

Europlex. 2003, Beta SP, cor, v.o.s, 20’Ursula Biemann.Zurich, Suiza, 1955. Vive en Zurich. Cortesía da artista.

Teórica e vídeoartista, Biemann céntrase en cuestións como as desigualdades de xénero ou a globalización: as migracións, as fronteiras, as zonas de libre comercio e maila comunicación virtual son algúns dos temas nos que se basea, e a súa obra, presentada internacionalmente, oscila entre o vídeo, o traballo dixital, o texto, a instalación e a fotografía. O seu último traballo, Europlex, reflirte os diferentes movementos que acontecen na fronteira hispano-marroquí e tenta facer visibles os seus escuros traxectos. Observa o repetitivo circuito existente ao redor da aduana no enclave español de Ceuta: as mulleres contrabandistas que envolven os seus corpos en múltiples capas de roupa, o tránsito diario das mulleres que cruzan para traballar nas casas como criadas e as marroquís empregadas en fábricas das zonas transnacionais do norte de África e o mercado europeo. Todas elas viaxeiras do tempo que cruzan as franxas horarias entre Marrocos e Europa. Unhas traxectorias que circundan as imperativas fronteiras territoriais conferindo unha aportación vital ao espacio cultural e económico existente entre Europa e África.

Vacances. 2002, miniDV, cor, sen son, 14’50’’.Nicolas Dufranne.Braine-Le-Comte, Bélxica, 1977. Vive en Bruxelas
Cortesía do artista

Esvaecendo as fronteiras entre arte e vídeo –a modo de fotonovela ou serial televisivo– Dufranne mestura imaxes fixas e en movemento para encarcerar aos seus tres personaxes –unha familia de viaxe cara á vida futura– nun mundo cíclico e agridoce do que non poden fuxir. Sen usar palabras nin música ofrece unha sublime película de horror cun argumento que parece filtrado do mundo visual de Magritte ou Hopper. Unha parella cunha rapaza, feliz a primera ollada, prepara unha viaxe cun destino e un final que o espectador descoñece. No hotel onde se hospedan a muller nova descobre unha carta dirixida a ela que desperta os celos do seu compañeiro. Cando semella que a historia comeza a repetirse con leves variacións, o espectador empeza a dubidar. Os puntos de referencia esvaecen e xurden as dúbidas sobre onde da comezo a película. Dufranne crea distraccións narrativas que se alonxan dun desenvolvemento claro e lineal. O espectador enfróntase ao risco da lectura e interpretación e se mergulla na historia. A obra evidencia os temas favoritos do autor que seguen as tendencias voluntarias e elípticas da historia, a captación dun espacio e un tempo inmaterial e unha cristalización da imaxe que permiten múltiples lecturas. Detrás deste exercicio de estilo algo hermético para o espectador, Vacances é unha innovadora película que pretende abrir un camiño descoñecido no seu intento por crear unha nova linguaxe cinematográfica.
Descargar todas as imaxes