Escoitar

O Concello aproba os requisitos das autorizacións provisionais para os mercadiños de Coia e Bouzas

A Xunta de Goberno Local deu o visto bo aos requisitos que deben cumprir as persoas interesadas, que teñen que estar dadas de alta no réxime correspondente da Seguridade Social, ter satisfeitas as taxas pertinentes e posuír seguro de responsabilidade civil. O prazo de solicitude do permiso está aberto co fin de que os mercados poidan volver celebrarse o 3 de xullo en Bouzas e o día 6 en Coia.

mércores, 22 xuñ 2016
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as condicións das autorizacións provisionais para postos de venta ambulante nos mercadiños de Coia e Bouzas, un procedemento que o Concello realiza con "transparencia total e legalidade absoluta", segundo apuntou o alcalde.

As persoas que soliciten o permiso de venda deben estar dadas de alta no réxime correspondente da Seguridade Social e, de ser o caso, no Imposto de Actividades Económicas; deben cumprir coa regulamentación de cada un dos produtos, estando en posesión, se corresponde, do certificado acreditativo de ter recibido formación en materia de manipulación de alimentos para ofrecer "garantía total" aos consumidores.

Ademais, as persoas interesadas deberán satisfacer as taxas e os tributos fixados na correspondente ordenanza municipal, dispoñer dos permisos de residencia e de traballo que sexan esixibles en casa caso e, de ser persoas xurídicas deben acreditar o CIF, a acta de constitución e os estatutos e escritura de poder outorgada á persoa que asina a solicitude de autorización en representación da empresa amais de dispoñer, en todos os casos, do seguro de responsabilidade civil.

Abel Caballero sinalou tamén que o Concello revisará a vixente ordenanza Municipal Reguladora de la Venta Ambulante en la Vía Pública e Espazos Abertos e queda establecido o prazo de presentación, xa aberto, para presentar estas solicitudes de maneira que se poida reanudar a actividade en Bouzas o 3 de xullo e en Coia o día 6 de xullo.