Escoitar

As sete prazas de Vigo participan na segunda quincena de maio na campaña internacional "Ama o teu Mercado"

Xunto a xerentes de mercados vigueses e en conexión online con Londres con Manuel Estrada, presidente da Unión Mundial de Mercados Maioristas, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este xoves unha iniciativa na que participan máis de 2.000 mercados de 16 países, desde China ata Estados Unidos ou Dinamarca. As prazas de abastos da cidade acollerán visitas guiadas e obradoiros para escolares, degustacións e exhibicións de cociña, entre outras accións.

xoves, 30 abr 2015
1430400863mercados.JPG
Durante a súa intervención, Abel Caballero felicitou aos organizadores pola campaña e eloxiou a "proximidade" que ofrecen os mercados, tanto nos produtos como na atención, e a "calidade e fiabilidade" que as mercadorías aportan aos usuarios, ademais da "interacción" destes co pequeno e mediano comercio da cidade.

Co gallo da celebración da Campaña Internacional "Love Your Local Market" (Ama o teu mercado), os Mercados de Vigo, co patrocinio do Concello de Vigo, teñen programado un calendario de actividades que se desenvolverá na segunda quincena de maio co obxectivo de promover as cualidades naturais, saudables e ecolóxicas dos produtos que se poden adquirir nas prazas de abastos e reforzar os vínculos entre os mercados, as persoas e a comunidade.

Os mercados vigueses sumaranse de xeito activo a esta iniciativa que promove a Unión Mundial de Mercados Maioristas (WUWM) e que terá lugar do 15 ao 30 de maio en máis de 2.000 mercados de 16 países de todo o mundo. No programa que se desenvolverá en Vigo teñen especial relevancia as visitas guiadas e obradoiros para escolares, exhibicións de cociña e degustacións ou unha carreira popular. O inicio da campaña será no Mercado do Calvario o sábado 16 de maio cunha presentación sorpresa protagonizada polos propios vendedores e vendedoras.

As sete prazas da abastos viguesas (Calvario, Progreso, Teis, Travesas, Berbés, Bouzas e Cabral) engalanaranse para a ocasión coa instalación de bandeirolas e carteis e reparto de globos, bolsas e folletos informativos. Os vendedores lucirán delantais co lema da campaña "Ama o teu mercado", coa figura dun corazón, que é común a todos os mercados do mundo que se teñen sumado a esta iniciativa.

As actividades serán divulgadas en redes sociais (Twiter, Facebook e Instagram), así como como as distintas experiencias e consellos protagonizadas polos vendedores, xa que as súas habilidades e coñecementos sobre os produtos e a súa manipulación e preparación son fundamentais para os consumidores.

Visitas guiadas e Obradoiros para escolares. Dirixido ao alumnado de 5ª de Primaria.
Esta actividade terá unha duración de dúas horas e consiste nunha visita guiada ao mercado, onde os vendedoras e vendedores aportarán aos escolares as súas experiencias, e a participación nun obradoiro que será impartido por persoal especializado en pedagoxía e nutrición. O seu obxectivo é promover entre o alumnado, a través de experiencias plásticas, a necesidade de comer alimentos sans e naturais, así como dar a coñecer a importancia dos mercados tradicionais como espazo de encontro entre os ámbetos rural e urbano. Ademais, o alumnado "adquirirá" os produtos necesarios para desenvolver esta actividade nos postos do mercado.

Xoves, 14 de maio. Mercado de Teis. Pintando con hortalizas
Os alumnos participantes crearán cores a través dos pigmentos naturais das froitas e hortalizas. Unha vez elaboradas as cores, realizarán un traballo
plástico conxunto entre toda a clase.

Mércores, 20 de maio. Mercado de As Travesas. Receitario de verduras
Cada alumno elaborará o seu propio libro de receitas. O obxectivo deste obradoiro é somerxerse nun proceso de creación que se plasmará tanto na portada como no xeito de encadernar o receitario. Para elaborar a portada os rapaces traballarán con hortalizas e froitas compradas no mercado que lles servirán de base para elaborar creacións artísticas e únicas.

Mércores, 27 de maio. Mercado do Calvario. Deseño personaxes de cómic con foitas e verduras
Os participantes aprenderán a deseñar e construír personaxes para cómic dende a interpretación das formas e cores das froitas e hortalizas propostas para a práctica.

Xoves, 28 de maio. Mercado do Progreso. Elaboración de pan
Os alumnos tomarán contacto co proceso de elaboración do pan e prepararán diferentes pans con sementes e hortalizas. Con esta actividade estimularase o interese pola comida sá e a procedencia dos alimentos. Asemade, o Mercado de As Travesas continúa neste período co seu programa de visitas guiadas a súas instalacións (o mércores 27 de maio recibirá aos escolares do colexio Altamar).

Exhibicións de cociña e degustacións
Os mercados ofrecen unha ampla variedade de produtos frescos. Coa finalidade de amosar as posibilidades culinarias da excelente materia prima que se pode atopar na "praza", desenvolveranse varias exhibicións de cociña e degustación de tres receitas, a base dos produtos estrela do mercado: peixe, carne, hortalizas, froitas….. Esta actividade será desenvolvida por cociñeros profesionais.
• Mercado das Travesas , 14 de maio
• Mercado das Travesas, 21 de maio
• Mercado do Progreso. 22 de maio
• Mercado do Calvario 26 de maio
• Mercado do Teis 27 de maio
• Mercado das Travesas, 28 de maio

III Carreira popular nocturna "Correndo por Vigo máisqueauga".
Celebrarase o 30 de maio, organizada polo Mercado das Travesas, o Club Deportes Carlos Miguel e a Asociación de Comerciantes de As Travesas (AETRAVI) coa colaboración do Concello de Vigo. Comezará ás 22:00 h na Avenida da Florida, á altura do Mercado das Travesas, cun percorrido de 10 kilómetros. Na pasada edición participaron 1.400 corredores. Esta iniciativa colabora co proxecto discamino, que consiste en facer realidade o soño de persoas con diferentes discapacidades para poder realizar o Camiño de Santiago.

Mercado da Arte
Terá lugar no Mercado do Calvario o 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. Esta é a segunda edición desta iniciativa que enche os postos de vendedores e vendedoras do mercado de obras de arte (escultura, pintura, fotografía, serigrafía, cerámica…). Trátase dun novo concepto de venda e difusión artística no que se convida a galeristas, coleccionistas e actores culturais para que os artistas teñan a oportunidade de que a súa obra sexa vista por público experto.
Descargar todas as imaxes