Escoitar

O alcalde cifra en 1,2 millóns o investimento municipal para conceder 2.000 bolsas de comedor escolar

Abel Caballero asinou este luns o convenio anual coa Federación Olívica de Nais e Pais de Alumnos e Alumnas de Vigo e comarca (FOANPAS) pola que o Concello inviste medio millón de euros para actividades e sufragar parte das bolsas de comedor escolar. En total, sumando a parte do departamento municipal de Política do Benestar, o Concello outorgou o último ano 2.000 achegas por 1,2 millóns de euros.

luns, 1 ago 2011
1312202476convenio.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou hoxe luns que o goberno local concedeu o pasado curso 2.000 bolsas de comedor escolar, destinado ao efecto 1,2 millóns de euros.

Caballero asinou esta mañá o convenio de colaboración anual coa Federación Olívica de Nais e Pais de Alumnos e Alumnas de Vigo e comarca (FOANPAS), polo que o Concello achega medio millón de euros para distintas actividades escolares e para sufragar parte das bolsas de comedor que concede o executivo vigués para os escolares, completando a Concellería de Política de Benestar o resto da cuantía.

O alcalde de Vigo apuntou que, desde o ano 2007, "a crise fixo que pasáramos de 1000 a 2000 becas e de 600.0000 euros de axudas a 1,2 millóns", tras o que afirmou que quedaron sen conceder unhas 150 axudas porque o tamaño dos comedores dos colexios non son suficientes para todos os alumnos solicitantes. A este respecto, Abel Caballero recordou que a competencia sobre os comedores é da Xunta de Galicia e "estamos agardando" a que amplien as instalacións.

O primeiro edil asegurou que "estamos nós a facer as reformas" nos mesmos e "estamos adicando diñeiro de Vigo a cubrir deficiencias que teñen que ser pagadas con diñeiro da Xunta e non é un bo mecanismo", pois significa que "en Vigo temos que facer fronte a algo que ten que atender a Xunta cos impostos que lle pagamos". Caballero reiterou que "está obrigada pero o certo é que non están a cumprir cos seus compromisos" nunha "área tan importante como a educación", concluíu.
Descargar todas as imaxes