Escoitar

O alcalde presentou o programa de actividades de verán nas prazas e parques para maiores

O alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de Política de Benestar, Isaura Abelairas, presentaron este luns as actividades gratuitas de verán que organiza o Concello, de luns a venres durante xullo e agosto, nas prazas e nos parques biosaudables. Caballero definiu o programa como unha "fórmula para combinar o exercizo e o divertimento" e apuntou que este ano inclúe monitores como novidade. O alcalde avanzou que o goberno local estuda instalar outros 30 parques biosaudables en Vigo.

luns, 4 xul 2011
1309784362biosaudables.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe luns o programa de actividades interxeracionais que organiza a Concellería de Política do Benestar nas prazas e parques biosaudables da cidade.

Segundo explicou Caballero, trátase dunha "fórmula para combinar o exercicio e o divertimento", en particular para xente de "certa idade". O alcalde apuntou que, neste verán, o goberno local pon a disposición dos usuarios desta iniciativa monitores que, xunto ás actividades propiamente ditas, ensinarán o axeitado funcionamento dos parques de maiores.

Abel Caballero definiu de "moi importante" o éxito dos biosaudables, tras o que adiantou que a vontade do goberno que preside é duplicar o número existente, pasando dos aproximadamente trinta da actualidade e sesenta en total.

O alcalde aseverou que estas actividades realizaranse en distintos puntos da cidade, de luns a venres, nos meses de xullo e agosto. Cada sesión dura unha hora, de 10:30 a 11.30 horas, sendo gratuito e sen precisar de inscripción previa.

No mes de xullo, Política de Benestar programa actividades na Praza do Emigrante de Travesas os luns, os martes no Centro Cívico de Teis, o mércores no biosaudable fronte ao instituto do Calvario, na Praza da Indepedencia o xoves e o venres na Alameda de Bouzas. En agosto, as sesións dos luns e martes continúan no mesmo lugar, mentres que o mércores terán lugar no biosaudable do parque de Castrelos, o xoves será no parque sito no antigo Cuartel de Barreiro en Lavadores, e o venres no biosaudables da Praza da Miñoca.

Actividades
Danzas do Mundo é unha forma agradable, de exercicio físico en grupo. A Danza axuda a reducir moitos dos problemas asociados a idade. É un bo método para superar a soidade, a timidez e establecer novas relacións. A danza é un modo ancestral de comunicación e de celebración.

O Taichi é un exercicio excelente, favorece o equilibrio, a flexibilidade, o estado do sistema cardiovascular, a mobilidade articular e o traballo coordinado.

A Musicoterápia é unha disciplina terapéutica que favorece o desenvolvemento motriz, sensorial, cognitivo e da personalidade empregando o son, a música e o movemento corporal.

Saúde e diversión é un programa de actividade física creativa no que os obxectivos se acadan a través de propostas lúdicas e recreativas, fuxindo do cotián e tradicional. Así traballarase mediante xogos de socialización, de coñecemento, de afirmación, de distensión, de cooperación, de comunicación... entre outros, utilizando dous elementos básicos: o material e a música. En canto ao material, utilizarase tanto material tradicional (pelotas, aros, picas, globos...) como material alternativo (papeis de periódico, telas, paracaídas, abanicos...), o cal nos axudará a facer as sesións máis creativas e participativas.

Ximnasia nos parques biosaudables. As actividades anteriormente reflectidas combinaranse con exercicios nos "Parques biosaudables" ubicados na cidade, compostos por diferentes equipos de ximnasia, que permiten manter a forma física e previr ou tratar diferentes doenzas. Os parques están especialmente recomendados para maiores de 60 anos porque lles permite mellorar a súa mobilidade ,aumentar a flexibilidade e tonificar a musculación de todo o corpo. Nos parques biosaudables poden atoparse diversos elementos para determinados tipos de exercicios ,os elementos corresponden á seguinte clasificación: Equipos de calentamento , equipos de coordinación de movementos, equipos de exercicios e equipos de relaxación.
Descargar todas as imaxes