O Concello organiza a segunda edición do Festival Son de Vigo, con grupos da cidade
A concelleira de Cultura e Festas, Isaura Abelairas, ven de presentar a segunda edición do ciclo SON DE VIGO, incluído dentro do programa de festas. A creatividade musical da cidade terá un lugar destacado coa celebración do festival do 30 de xullo ao 3 de agosto. Os grupos locais tomarán o escenario da Praza da Constitución durante catro días e darán paso a un gran peche no Auditorio de Castrelos con Os Resentidos e Siniestro Total en directo o venres 3 de agosto. A escena emerxente viguesa darase cita nos días previos na Constitución, do luns 30 ao xoves 2, da man dos grupos The Blows, Aries, Mónica de Nut, The Soul Jacket, Kaixo Sama VS Elecesar, Bflecha, Camarada Nimoy e Inculpados.