luns, 31 outubro 2011

O Pleno aproba definitivamente a conxelación real das tasas municipais para 2012

A concelleira de Facenda, Raquel Díaz, presentou no Pleno da Corporación para a súa aprobación definitiva a conxelación real dos impostos e taxas municipais para o próximo ano. Tal e como indicou, aplícase así o IPC do 3,8% interanual do mes de abril, como ven sendo habitual no Concello de Vigo. "A proposta consolida Vigo como unha das cidades con menor carga fiscal e mellores servizos", apuntou.

A Corporación insta á Xunta e ao Goberno de España a que Vigo sexa incluída na rede transeuropea de alta velocidade

luns, 31 out 2011

Cos votos favorables de socialistas e nacionalistas e a abstención do PP deuse luz verde na sesión plenaria desta mañá a unha moción que insta á Xunta e ao Goberno Central a que Vigo sexa incluída na rede transeuropea de alta velocidade ferroviaria. O texto aprobado, defendido polo socialista, Carlos López Font, tamén solicita que a Unión Europea refaga os seus estudos sobre a rede portuaria europea para percibir a importancia da terminal viguesa no transporte de mercadorías e de pesca e que sexa incluido como nodo central de transporte marítimo e terrestre.

O Pleno reclama á Xunta que conceda a Peinador a mesma achega económica que ao aeroporto de Santiago

luns, 31 out 2011

Os grupos políticos socialista e nacionalista, coa oposición do PP, aprobaron este luns unha moción do PSdeG instando ao goberno autonómico a conceder axudas da mesma magnitude ao aeroporto de Vigo e de Santiago, para evitar a competencia desleal. O acordo tamén reclama que a Xunta de Galicia elabore un plan equilibrado para as tres terminais aeroportuarias galegas.