venres, 31 outubro 2003

O Alcalde asina o convenio de remodelación do colexio Doutor Fleming

O Alcalde de Vigo, Ventura Pérez Mariño, asinou hoxe o convenio de colaboración coa Consellería de Educación para a execución das obras de construcción do centro público de Educación Primaria "Doutor Fleming". O documento, segundo o cal o Concello cederá Consellería unha parcela lindante co solar do colexio, permitirá o inicio das obras de remodelación do edificio, un dos colexios con máis alumnado de Vigo e un referente no ensino público na cidade pola súa localización e tradición.

Os socios de proxecto CAMI impulsan a creación dun centro de recursos para a integración social

venres, 31 out 2003

A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, presidiu a xuntanza do proxecto de cooperación transfronteiriza España-Portugal "CAMI" (Camiño do Miño). Trátase dun programa de fomento á cooperación e integración social, laboral e institucional. Os promotores do proxecto son entidades en favor das persoas con minusvalía, concretamente dúas entidades portuguesas e a Fundación MENELA de Vigo que actúa como responsable do proxecto.

Pérez Mariño asina un convenio con Vivenda e Solo para rehabilitar o Casco Vello

venres, 31 out 2003

O Alcalde de Vigo, Ventura Pérez Mariño, ven de asinar un convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello de Vigo en materia de actuacións na área de rehabilitación do Casco Vello de Vigo. O obxecto do convenio é establecer as bases de actuación conxunta e coordenada para rematar as actuacións da Área do Casco Vello de Vigo, que quedaron pendentes de realización do convenio que fora asinado en agosto de 2001 e que por falla de infraestructura administrativa non se puideron acometer.

O MARCO acolle unha exposición de novas experiencias visuais en Portugal

venres, 31 out 2003

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, presenta unha exposición de producción propia, baixo o título "OUTRAS ALTERNATIVAS: novas experiencias visuais en Portugal". Trátase de novo dunha exposición colectiva, da cal o fío conductor é neste caso máis xeográfico que temático: trátase da primeira mostra dunha nova promoción de creadores, nados en Portugal na década dos setenta, que por primeira vez expoñen xuntos. A exposición permanece aberta ata o 25 de xaneiro de 2004, en horario de martes a domingo de 11:00h a 21.00h.

ARE-MORE dedica un concerto o centenario de Hugo Wolf e Hector Berlioz

venres, 31 out 2003

Lola Casariego , mezzosoprano, acompaña ao piano de Aurelio Viribay, ofrecen un concerto o 1 de novembro dentro do Festival de Música Clásica ARE-MORE que organiza a Concellería de Cultura. O concerto será a partir das 20 horas no Conservatorio Superior de Música de Vigo, con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo.

Faleceu a cría de lince de Vigozoo

venres, 31 out 2003

A cría do lince que desde fai sete meses formaba parte dos habitantes de Vigozoo faleceu na tarde de onte xoves. O corpo de Gobi, que así foi bautizado, foi trasladado ao Hospital Clínico Veterinario de Lugo, onde se lle practicará unha necropsia.

Reunión da Comisión de Goberno

venres, 31 out 2003

A reunión da Comisión de Goberno que se reunirá o luns, día 3, a partir das nove da mañá, tratará entre outros asuntos un proxecto de convenio de colaboración entre a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e Concello de Vigo para a execución de accións de voluntariado enmarcadas no Plan Galego de Voluntariado 2003-2005.