Escoitar
ALCALDÍA

Bando Festa Reconquista de Vigo

<br />

venres, 28 mar 2008
Bando que trata de sete argumentos:

1. Reavivar as conciencias, 2. Reconvir erros, 3.Reaxustar o noso equilibrio coa terra, 4. Reivindicar atención dende a orixe cívica, 5. Recrear os valores, 6.Reunir vontades, e 7. Rexurdir Vigo.


REAVIVAR as conciencias e a solidariedade cidadá en tempos onde, dalgún xeito, pestanexa a friaxe da crise. Cando algo se move no alto da economía, na cidade, que traballa máis a ras de chan, débense temperar as forzas, afianzar o tellado e vixiar non o leve o vento. Momento propicio para convocar a herdanza atrevida, emprendedora, optimista e aberta que mostrou sempre esta cidade de traballadores diante de calquera tipo de dificultade.

RECONVIR erros que nos fixeron moita desfeita para unha chea de tempo, tanto no tecido urbano como nos paraxes circundantes. Non podemos estar conformes con aquelas malas prácticas económicas e urbanísticas que nos levaron á perda da esencial harmonía do territorio. Mais, nada ten que ser para toda a vida se pomos remedio. A escala dos problemas obriga a dar un paso ambicioso: a visión ampla de Área Metropolitana. Unha visión do local sen localismos e dende o global sen falsos temores.

REAXUSTAR o noso equilibrio coa terra, e o noso saber estar preto do mar. Urxe un convenio entre todos. Manter a puxanza ten un teito: non estragar os recursos únicos que nos deron a posibilidade de chegar ata aquí e que, a través da innovación, nos vai dar renovadas ocasións de riqueza futura. Dende o novo Plan Xeral cohesionemos área central urbana e periferias superando a diglosia de Vigo, urbana e rural, tamén coa axuda de impulsar o uso do idioma galego. O val do Fragoso e a beiramar reencontrados.

REIVINDICAR atención dende a orixe cívica da cidade, instituída sobre a primacía da razón civil. Non foi función eclesiástica, militar, de realeza ou institucional quen impulsou a orixe da cidade. Ten fundamento a nosa percepción de recibir un trato aprazado dende algúns poderes. De seguro que non o fixeron adrede, foi sen se decatar, pero é momento de recapacitar. Isto ten a máxima relevancia cando hoxe a grande obra pública está a redebuxar o mapa de Galicia. Máis ca nunca, non é suficiente canto a natureza nos deu.

RECREAR os valores do inconformismo intelixente achegando a chispa innovadora a todos os eidos. Abriu modernidade o destacado arquitecto vigués Xosé Bar Boo. A súa obra, espallada na área de Vigo, adquire a dimensión dos precursores e aporta luz a toda a sociedade e sinais que están a renovar con grande talento as novas xeracións de arquitectos. O interese investigador do mundo da cultura está a levarnos lonxe. Hoxe Identifica Vigo tanto o Museo de Arte Contemporánea, o Parque tecnolóxico, como o Parque Nacional das Cíes.


REUNIR vontades para estar á altura da historia. Somos cidade de acollida froito dun porto orientado a pasalos mares, dunha industria prolífica e dunha veciñanza abnegada. Un porto franco para a empresa, as iniciativas, a arte, a cultura e para cantos aquí decidiron vivir e traballar. Hoxe miramos insistentemente cara ao sur do río Miño. Para Curros Enríquez a festa máis agasalladora era a unión de todos os galegos. A festa grande de Vigo será protagonizar, con brío en todos os estrados, a unión efectiva da eurorrexión, Galicia- norte de Portugal.

REXURDIR Vigo. Nesta hora elevemos as miras. Antes ben, o camiño andado e por andar ten que ser pensado. Atrás valorar con rigor histórico a memoria entretecida dende aquel 1809 ata este 2008.No futuro, actualizando a nosa folla de ruta: a alianza entre o enxeño da primeira cidade industrial de Galicia cun privilexiado soporte natural. Espallar a toda voz, sen se cansar, que é sostíbel a convicción de modernidade dentro da preservación do territorio. Aportemos esta confirmación estratéxica a unha sociedade avanzada en Galicia.

O escudo, o símbolo de Vigo, é unha árbore que abraza unha arquitectura. Ben se ve, que conciliar natureza e creatividade humana é o noso desafío fermoso. Se cadra, este día, serve para afianzar o compromiso.

O Alcalde,
Abel Caballero Álvarez



Este bando foi redactado por Salvador Fraga Rivas, arquitecto