Escoitar

28 novas sinais turísticas facilitan á chegada ás Illas Cíes

Recollendo o recoñecemento feito polo xornal inglés The Guardian á praia de Rodas, nas Illas Cíes, como a mellor praia do mundo, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, ven de presentar a nova campaña de sinalización da Concellería de Turismo que ten por obxectivo facilitar o acceso das persoas que nos visitan ás Illas Cíes. Segundo explicou o tenente de alcalde, instaláronse 28 sinais direccionais que guían aos visitantes dende que entran na cidade por estrada ata a Estación Marítima.

martes, 18 mar 2008
1205845688sinalesturismo.jpg
"Para crear o símbolo xogouse cun círculo que representa o planeta azul, o planeta da auga. Nese planeta vai inscrita unha "C" en cor amarelo, que fai referencia á forma da praia de Rodas, a vez que xoga coa inicial do nome das Illas Cíes", explicou o tenente de alcalde durante a presentación. Segundo Santi Domínguez, "é unha imaxe limpa e fresca que se apoia nunhas cores vivas para representar a natureza e o paraíso son as Illas Cíes".

O tenente de alcalde adiantou que este é "o primeiro paso" dunha campaña de sinalización direccional que a Concellería de Turismo ten en marcha para mellorar os indicadores e localizadores que deben guiar aos nosos visitantes pola cidade. O obxectivo é que atopen de xeito doado calquera lugar ao que se queiran dirixir. Así, indicou que a partir de abril a estas sinais se lle engadirán as novas que se instalarán por todo o Casco Vello, "nas que se porá en valor os edificios arquitectonicamente importantes deste contorno". Anunciou tamén que no mes de abril se organizará unha viaxe en autobús cos directores dos hoteis de Vigo "para comprobar e revisar a sinalética correspondente aos hoteis da cidade".

"Toda a engrenaxe do turismo xa está preparada", salientou Santi Domínguez, xa que, segundo lembrou, as seis oficinas de Turismo de Vigo, ubicadas na Pedra, na Estación Marítima, na Porta do Sol, na Praza do Rei, na Praza de España e na estación de Renfe, e con horario de 10 a 14 horas e de 15.30 a 19.30 horas, abriron o pasado sábado e estarán accesibles aos visitantes ata o vindeiro día 23. Á apertura das oficinas engádenselle os servizos especiais que terán lugar do día 19 ao 23 co Bus Turístico e as tres rutas guiadas gratuítas pola cidade "100 minutos de cultura", "100 minutos de mar" e "100 minutos de natureza".
Descargar todas as imaxes