Escoitar

Vigo é a cidade elixida polo Consejo Superior de Deportes para acoller a Universiada 2013

Por 15 votos a favor dos 24 posibles, Vigo é a cidade elixida polo Consejo Superior de Deportes para albergar a Universiada de Verán en 2013, segundo anunciou este martes o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, quen compareceu en rolda de prensa conxunta co alcalde, Abel Caballero, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, e a directora xeral de Deportes da Xunta de Galicia, Marta Souto, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso.

martes, 11 mar 2008
1205244212PICT4095.JPG
Tras recibir as felicitacións do alcalde da cidade polo traballo realizado nos últimos meses, Santi Domínguez quixo dedicar á elección de Vigo como cidade representante do Estado español a todo o deporte vigués. "Vigo non sería hoxe a cidade candidata se a cidade non tivera unha grande puxanza deportiva", subliñou o tenente de alcalde, quen sinalou que non tería sido posible sen o apoio da Universidade. Neste sentido agradeceu o esforzo realizado polo reitor, Alberto Gago, e o seu equipo. Tamén tivo palabras de agradecemento ao alcalde, que segundo salientou "soubo sumarse dende o primeiro momento ao proxecto".

O alcalde Abel Caballero asegurou que hoxe "é un día grande para o devenir de Vigo", e recoñeceu o "traballo serio" desenvolvido polo tenente de alcalde e o concelleiro de Deportes durante os últimos meses. "Fumos quen de presentar un proxecto sólido, preparado en só seis meses que convenceu a todos pola súa calidade", salientou e incidiciu en que hai que seguir traballando co mesmo espíritu "competindo honradamente e con todos os medios ao alcance, e tendo en conta que agora contamos co apoio do Goberno central".

Santi Domínguez, na súa intervención, fixo un chamamento á implicación de toda a cidadanía co obxectivo de acadar que Vigo resulte finalmente a cidade elixida o vindeiro 31 de maio, xa que o día de hoxe "comeza un novo percorrido". Anunciou, ademais, que na tarde de hoxe celebrarase unha festa na praza do Rei a partir das 19 horas, na que se soltarán 2013 globos, e á que convidou a participar a todos os cidadáns e cidadás.

A directora xeral para o Deporte, pola súa banda, transmitiu os parabéns de parte da Consellería de Cultura ao goberno vigués en xeral e á Tenencia de Alcaldía en particular "polo seu esforzo", así como as felicitacións para o deporte vigués, que fixo extensible "a todo o deporte galego". O reitor da Universidade viguesa, Alberto Gago, amosou tamén a súa satisfacción e felicitou "moi en particular" a Santiago Domínguez, a quen lle quixo recoñecer o traballo realizado. Ademais de sinalar que o tenente de alcalde "foi quen de arrastrarnos a todos cun gran entusiasmoe e ilusión", lembrou que a entidade viguesa xa ten deportistas participando nesta competición e salientou o atractivo que ten para a cidade acoller a Universiada polo seu legado. "Queremos que esta sexa unha grandísima experiencia para a cidade, que vincule aos tres campus da Universidade de Vigo no tema do voluntariado", subliñou.
Descargar todas as imaxes