Escoitar

O Concello estudará a mellora do transporte público en Navia

A bordo dun autobús urbano, o alcalde, Abel Caballero, desprazouse este martes ata Navia para coñecer de primeira man as necesidades deste barrio en materia de transporte público. Neste sentido, Caballero adiantou que "haberá que facer un estudo de accesibilidade" á zona.

martes, 8 xan 2008
1199798875navia080108.jpg
O alcalde lembrou que actualmente son cinco os autobuses urbanos que se desprazan por hora ata Navia nos días laborables, catro os sábados e dous os festivos, e deu por segura a elaboración, por parte do Concello, dun estudo no que se avalíe a mellora das condicións do servizo que ofrece Vitrasa nesa parroquia. Segundo indicou Caballero, este estudo terá que atender ás vías polas que circulan os autobuses, a frecuencia dos seus desprazamentos e os accesos ao barrio.

O alcalde asegurou que existe unha "posición positiva cara ao diálogo" por parte de Vitrasa para resolver esta cuestión, así como para colaborar na elaboración doutro estudo, que o Concello está "completando", sobre novas rutas e horarios para o conxunto do termo municipal.

Outra das iniciativas do Concello para o transporte urbano será a posta en marcha dunha lanzadeira ata o hospital do Meixoeiro, con saída cando menos desde a praza de España. Abel Caballero dixo que é "probable" que esta lanzadeira parta das Travesas.

Ademais, o Concello baralla a posibilidade de establecer liñas específicas ata Citroën desde "zonas de residencia dun número importante de traballadores". Segundo explicou o alcalde, estase estudando que lugares contarían con este servizo e con que frecuencias.

Para Abel Caballero, estas medidas, xunto coa conxelación das tarifas dos bonos do autobús urbano, demostran a "grande aposta política do Goberno" por este servizo público.
Descargar todas as imaxes