Escoitar

Caballero e Domínguez analizarán conxuntamente os avances no PXOM

O alcalde, Abel Caballero, e o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, mantiveron este luns no Concello un encontro no que acordaron reunirse cada semana para facilitar a aprobación do Plan Xeral antes de fin de ano.

luns, 15 out 2007
1192451362pxom151007.jpg
Tanto Caballero como Domínguez salientaron a coordialidade coa que transcorreu a xuntanza, que tivo lugar no despacho do alcalde, e mostraron a súa vontade de que o 31 de decembro Vigo conte cun novo PXOM. Neste sentido, o alcalde e o tenente de alcalde afirmaron sentirse satisfeitos cos acordos aos que chegaron en relación ao traballo conxunto que desenvolverán nas próximas semanas.

Este labor concretarase, en primeiro lugar, nunha comunicación directa con todos os membros do Goberno local despois das súas xuntanzas dos luns, para que tanto os concelleiros do PSdeG-PSOE como os do BNG sexan informados dos avances que se vaian producindo na elaboración do Plan. Ademais, Caballero e Domínguez reuniranse cada semana para coordinar a actuación do Goberno municipal nesta materia.

Segundo sinalou o tenente de alcalde, as bases deste traballo conxunto serán o diálogo e a "vontade clara" de ter o Plan aprobado antes de fin de ano. Pola súa parte, Caballero reiterou que esta premisa se cumprirá e remitiuse ao pacto de goberno entre PSdeG-PSOE e BNG para aclarar que a introdución do 40% de vivenda protexida en todos os ámbitos de solo urbano non consolidado e solo urbanizable está decidida no mesmo acordo.

En relación a este punto, o alcalde e o tenente de alcalde indicaron que o 15 de novembro a empresa redactora do Plan terá que ter acabados os seus traballos e entregar un informe definitivo no que se especifiquen, ademais doutras cuestións, os ámbitos nos que se pode aplicar a reserva do 40% de solo para vivenda de protección social. A partir deste estudo e do que elaboren os servizos técnicos do Concello, PSdeG-PSOE e BNG analizarán conxuntamente a introdución deste cambio no PXOM.

Para Abel Caballero isto "é posible en todos os ámbitos da cidade". Pola súa parte, Santiago Domínguez adiantou que a partir do 15 de novembro traballará co alcalde para "tomar solucións axeitadas" nesta dirección, aínda que, segundo afirmou, "o que desexamos todos" é que "todos os ámbitos" conten coa mencionada reserva de solo.

Xunta de Goberno Local

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns unha indemnización substitutiva de 146.000 euros a favor da compañía Remolcadores Nosa Terra pola execución dos traballos contratados en febreiro de 2006 sobre o buque municipal Bernardo Alfageme.

Na súa reunión, o Goberno local tamén lle deu o seu visto bo a un convenio de colaboración coa empresa Limber Multiservicios para a realización dun curso de condutor/a de carretilla elevadora, enmarcado no programa municipal de formación en empresas con compromiso de contratación. A execución deste convenio contará cunha achega de 5.000 euros por parte do Concello.
Descargar todas as imaxes