Escoitar

Presentado un curso de posgrao sobre organizacións non lucrativas

martes, 13 nov 2001
imx781.jpg
Merino, Cabaleiro e Aguilar
A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, o vicerrector de Desenvolvemento da Transferencia de Tecnoloxía da Universidade de Vigo, Pedro Merino, e o director da Obra social de Caixa Galicia, Manuel Aguilar, presentaron o convenio de colaboración para a realización do “Curso de posgrao en administración e dirección de organizacións non lucrativas”.

Con este convenio preténdese ofertarlles ás asociacións de Vigo e do sur de Galicia unha oportunidade de capacitación dos seus cadros directivos e técnicos nos diversos ámbitos da xestión destas entidades. Trátase dunha necesidade detectada por parte de tódolos axentes relacionados no sector non lucrativo e xustificada pola presencia crecente das asociacións na asunción de programas de actividades dirixidos á comunidade, así como pola realización de proxectos sociais en colaboración con administracións públicas como o Concello de Vigo e entidades financeiras como Caixa Galicia.

Unha característica diferencial do curso reside na adaptación á realidade do mundo asociativo. A existencia de persoal voluntario ou dun plan contable adaptados son algunhas mostras da especificidade citada. Tamén resultará atractiva a presentación de técnicas directivas habituais no mundo empresarial e cada vez máis empregadas nas organizacións non lucrativas. A planificación estratéxica ou a xestión presupostaria serían exemplos destes contidos.

As datas de impartición do curso serán os xoves e venres, en horario de 16 a 21 horas, a partir do vindeiro 22 de novembro. A preinscrición estará aberta ata o vindeiro 16 de novembro, podendo obterse máis información no teléfono da Secretaría do Decanato da Facultade de Económicas e Empresariais (986 812 402) ou solicitándoa mediante correo electrónico.

O curso ten unha duración de 30 créditos (300 horas) e organízase en tres partes. Na primeira, de 5 créditos, farase unha introducción ó denominado terceiro sector e presentarase o entorno normativo e social no que este se desenvolve. Na segunda, de 18 créditos, trataranse os temas centrais de administración e dirección (organización, recursos humanos, xestión económica, etc). A terceira pretende ser máis práctica e xirará ó redor dun panel de experiencias (2 créditos) no que distintos especialistas presentarán casos prácticos relacionados coas materias previamente analizadas. Tamén nesta parte se inclúe a realización dun proxecto por parte dos alumnos e alumnas participantes (5 créditos), no que desenvolverán con profundidade un exercicio práctico relacionado cunha das materias que máis lles interese.
Descargar todas as imaxes