Escoitar

Ana Gandón e María Xosé Queizán presentan ”A festa da palabra silenciada”

luns, 12 nov 2001
imx773.jpg
Ana Gandón e María Xosé Queizán
O último número da publicación ”A festa da palabra silenciada” é un monográfico, deseñado por Margarita Ledo, que recolle obras de 50 poetas colaboradoras e ilustracións de Juan Bosco e Ana Villar. Está editado por Feministas Independentes Galegas e subvencionado pola Concellería de Muller.

”A festa da palabra silenciada” está considerada como unha industria cultural concibida como unha plataforma de producción e exhibición debido á coincidencia na revista de escritoras da xeración dos 50 como Luz Pozo Garza, Pura Vázquez ou Xohana Torres, coas da xeración posterior e incluso coas novísimas. ”Esta relación cultural e persoal produciu unha enorme riqueza froito da mestría e autoridade femininas”, indicou a directora da publicación, María Xosé Queizán.

A concelleira de Muller, Ana Gandón, felicitou a pluralidade, calidade, esforzo, empeño, traballo, alegría e ilusión das persoas que realizan esta publicación e sinalou que desde a Administración se deben recoller e apoiar iniciativas deste tipo que xorden da sociedade. ”A revista contribuiu tamén á eclosión da poesía galega nos anos 90”, afirmou Ana Gandón.

María Xosé Queizán explicou que ”A festa da palabra silenciada” agrupou escritoras galegas e iniciou unha conciencia colectiva desde o punto de vista feminino e feminista cunha pluralidade nada común na sociedade galega.

Descargar todas as imaxes