Escoitar

O desaloxo dun vello edificio permitirá mellorar o cruce da Travesía de Vigo coa rúa Cantabria

luns, 12 nov 2001
Vinteseis anos despois de que se expropiara, o Concello tomou posesión da finca designada co número 31 da estrada N-550. Trátase dun vello edificio, no que unicamente existe un bar, que está no cruce da Travesía coa rúa Cantabria invadindo parte da calzada. Este inmoble vai ser derrubado parcialmente para poder completar a beirarrúa da Travesía de Vigo e mellorar a confluencia da Travesía coa rúa Cantabria.

O inmoble en cuestión foi expropiado en 1975 pola entón Xefatura Provincial de Estradas de Pontevedra. O beneficiario daquela expropiación era o Concello de Vigo, que pagou o prezo xusto no ano 1990. Nunca se realizou o desaloxo ante a negativa dos ocupantes a abandonalo, polo que o edificio segue obstaculizando o paso de coches e peóns por aquela zona.

En maio deste ano, o alcalde de Vigo remitiulle senllos oficios á Subdelegación do Goberno de Pontevedra e ao servicio provincial de estradas do Estado requirindo o desaloxo dos ocupantes do inmoble expropiado. Posteriormente, o xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra dictou un auto autorizando o desafiuzamento.

Esta mañá, o concelleiro de Infraestructuras, Amador Fernández, desprazouse á Travesía acompañado das forzas da orde e procedeu á ocupación do inmoble en nome do Concello. De inmediato comezaron as obras para proceder ao seu derrubo parcial seguindo un proxecto elaborado por técnicos municipais.