Escoitar

Abel Caballero ofrécelle a Érguete a colaboración do Concello

O alcalde, Abel Caballero, recibiu este mércores no Concello a directiva da Asociación Érguete de Axuda ao Toxicómano, presidida por Carmen Avendaño. Durante o encontro, a directiva de Érguete demandou a colaboración do Goberno municipal para dar continuidade e mellorar as súas actividades.

mércores, 18 xul 2007
1184763200erguete180707.jpg
Caballero manifestou a súa vontade de "levar adiante" a cooperación no referente ás peticións formuladas por Érguete, xa que "esta cidade e este país lle deben moito" a esta asociación.

Así, o Goberno municipal apoiará o labor da empresa de inserción Cormo Integral, creada hai dous anos por Érguete e dirixida á rehabilitación de persoas con problemas asociados a toxicomanías a través de traballos de xardinería, pintura e actividades de protección do medio ambiente.

O Concello tamén prestará a súa colaboración a Érguete no tocante aos seus pisos terapéuticos, unha iniciativa destinada á rehabilitación de toxicómanos que leva funcionando 14 anos. A petición de Érguete consiste na cesión dos tres pisos que ten alugados en Vigo con este propósito, así como na posibilidade de contar con novos espazos para este programa na nosa cidade.

Así mesmo, o Goberno municipal estudará a posibilidade de pór a disposición de Érguete un espazo adicional co que ampliar a súa oficina en Vigo, que actualmente conta cunha superficie de 90 m2.
Descargar todas as imaxes