Escoitar

Aprobado o convenio para as prácticas nos servizos municipais de muller

Estudantes do primeiro curso de posgrao de Estudos de Xénero da Universidade de Vigo realizarán prácticas nos servizos municipais de atención á muller por un período de non menos de 90 horas, de acordo co convenio de colaboración aprobado o pasado venres pola Xunta de Goberno Local.

luns, 28 mai 2007
Os servizos nos que se desenvolverán as mencionadas prácticas, adscritos á Concellería da Muller, son o Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller, a Casa das Mulleres, a Casa de Acollida para Mulleres Maltratadas e a Oficina da Muller.

O Programa Oficial de Posgrao en Estudos de Xénero realizouse no presente curso 2006-2007 no marco da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas, que programou no curso académico 2004-2005 os cursos de Especialista en Xénero e Políticas de Igualdade e Especialista en Xénero e Educación, no marco dos convenios asinados en 2004 e 2006, este último para a realización de prácticas do alumnado nos servizos dependentes da Concellería. Este acordo non supón gasto ningún para o Concello nin para a Universidade.

O número de alumnas ou alumnos que participarán nas prácticas deste ano, o tempo de duración destas e os servizos municipais onde as levarán a cabo aínda están por determinar.

En 2006, dúas alumnas do Máster de Estudos de Xénero da Universidade de Vigo realizaron as súas prácticas por un período aproximado de dous meses no marco da colaboración co Concello, unha delas na Oficina da Muller e a outra no Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller.