Escoitar

A Festa Infantil de Kárate chega este sábado á súa vixésima edición

A Festa Infantil de Kárate celebra este sábado a partir das 17:00 horas no Pavillón Municipal de Coia a súa vixésima edición. Nela participarán uns 350 alumnos e alumnas pertencentes a oito clubes de Vigo nos que se practica esta disciplina.

xoves, 3 mai 2007
1178193698karate030507.jpg
Son a Escola de Kárate Shokotan, os ximnasios Body Live e Multisport, os clubes Traviesas e Coia e os colexios Mariano, Doblada e Compañía de María, que xuntos achegan os 350 deportistas que participarán neste evento. Deles, aproximadamente un 60% son nenos e mozos e un 40%, nenas e mozas. O presidente da Agrupación Deportiva Zanshin, organizadora desta Festa Infantil de Kárate, salientou a alta participación feminina.

Pola súa parte, a concelleira de Deportes, Lucía Molares, recordou a necesidade de apoiar desde as institucións eventos que, como este, promocionan entre os máis novos a práctica deportiva, que forma, segundo indicou, "unha parte importante da educación dos nosos nenos".

Os alumnos e alumnas, con idades que van dos 5 aos 17 anos, ofrecerán ao público asistente unha demostración das súas habilidades mediante combates de exhibición. O grao dos combatentes é variado: desde os que aínda teñen o cinto branco ata os que alcanzaron xa o cinto negro.

Ademais destes combates de exhibición, os que se acheguen ao Pavillón Municipal de Coia este sábado poderán ver demostracións de tai-chi a cargo de 50 persoas de idades variadas, desde as que teñen pouco máis de 30 anos ata as que case chegan aos 80.

A Festa Infantil de Kárate completarase cunha demostración de kobudo, disciplina que abrangue o manexo de diversas armas de orixe oriental. Esta demostración correrá a cargo de profesores e alumnos desta arte marcial.
Descargar todas as imaxes