Escoitar

Aprobadas as bases das axudas municipais escolares de libros e comedor

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases das axudas municipais escolares de libros e comedor do curso 2007/08 para os centros públicos ou con concerto pleno na segunda etapa de educación infantil, educación primaria e secundaria.

luns, 30 abr 2007
O Concello de Vigo convoca estas axudas municipais escolares dende hai 20, a través do departamento de Benestar Social, observándose un crecemento tanto na demanda como no seu orzamento. Para o vindeiro curso cóntase cun orzamento total de 400.000 euros, destinando 30.000 para axuda de libros e 370.000 euros para axudas de comedor.

As axudas van destinadas ó alumnado matriculado en centros públicos ou con concerto pleno, nos niveis de educación infantil ( 2ª etapa) de 3 a 5 anos; educación primaria de 6 a 12 anos e educación secundaria obrigatoria de 12 a 16 anos. O alumnado deberá estar empadroado no Concello de Vigo e formar parte de unidades familiares en situacións carenciais.

Nesta convocatoria soamente poderán solicitar axudas de libros os alumnos do nivel de educación infantil (2ª etapa) ó estar implantado a gratuidade dos libros por parte da Xunta de Galicia para os outros niveis de ensinanza obrigatoria.