Escoitar

A patrulla rural da Policía local realiza máis de 700 intervencións en tres meses de funcionamento

martes, 3 xul 2001
A Concellería de Tráfico, Seguridade e Transportes puxo en marcha no mes de marzo a patrulla rural da Policía local cos obxectivos de prestar servicio nas parroquias da periferia da cidade, ampliar o campo preventivo da seguridade cidadá e buscar unha relación máis estreita cos veciños destes lugares.

Esta patrulla prestou especial atención a actuacións relacionadas co medio ambiente, xa que se retiraron 132 vehículos abandonados que se encontraban, na súa maioría, en parques forestais ou en zonas arboradas. A intervención da patrulla rural para a retirada de árbores caídas que impedían o tránsito en camiños ou que presentaban perigosidade nas propiedades privadas produciuse en 48 ocasións.

En canto á seguridade cidadá, os axentes realizaron, alertados polos cidadáns, identificacións por indicios de tráfico de drogas e interviron en 20 roubos cometidos.

Seguindo un criterio selectivo baseado na gravidade das infraccións retiráronse 18 vehículos coa grúa, así como a documentación dos conductores de vehículos que non pasaron a inspección técnica obrigatoria.

Á marxe destes servicios específicos, realizáronse 274 intervencións, entre as que destacan servicios de carácter humanitario ou relacionados con obras sen licencia, animais soltos, mediación en problemas veciñais e familiares, vixilancias en centros escolares e controis en zonas de tráfico de estupefacientes a pequena escala.

Este labor vai acompañado dunha presencia policial efectiva nos núcleos urbanos de poboación, co que se consegue achegar a policía ó cidadán e atender as súas necesidades, ademais das funcións preventiva e disuasoria que lles corresponden ós corpos policiais.