Escoitar

A Federación "Eduardo Chao" organiza un programa de avellentamento saudable

A Federación de Asociacións Veciñais "Eduardo Chao", coa colaboración da Concellaría de Benestar Social e de Caixa Galicia, organiza o programa "Mañás Veciñais. Unha madurez saudable" para a prestación dun servizo de prevención da dependencia dirixido a persoas maiores.

martes, 3 abr 2007
1175600747martaelena030407.jpg
O proxecto veciñal, que comezará a funcionar nas asociacións de Lavadores e "Camiño Vello" de Coia, céntrase na estimulación, tratando de previr ou postergar ao máximo a perda de autonomía física, psíquica ou intelectual. Deste xeito, "Mañás Veciñais" desmárcase dos centros de día, que cobren as necesidades de atención de persoas con dependencia.

O programa desenvolverase a partir do próximo 2 de maio, de luns a venres en horario de 10.30 a 13.30 horas, ata o mes de xullo. Os interesados poderán inscribirse a partir do 16 de abril dirixíndose ás asociacións veciñais "Camiño Vello" de Coia e de Lavadores, que serán as encargadas de levar a cabo as primeiras experiencias do proxecto.

Entre os obxectivos de "Mañás Veciñais" figuran o avellentamento saudable, o crecemento persoal e a calidade de vida dos maiores, o desenvolvemento das condicións psico-físicas dos participantes e o aumento da súa influencia dentro dos seus contornos familiar, social e veciñal.

O programa contará coa intervención directa dun equipo formado por un psicólogo e un terapeuta ocupacional, que traballarán conxuntamente cun coordinador que realizará un seguimento personalizado do traballo e dos logros dos participantes e axudará a adaptar o proxecto aos diferentes centros veciñais. Tamén participarán na posta en marcha de "Mañás Veciñais" directivos da Federación de Asociacións Veciñais "Eduardo Chao", das propias asociacións, persoal administrativo, formadores e voluntarios.

As "Mañás Veciñais" traballarán a madurez saudable dos ususarios atendendo a dúas dimensións principais: a psicolóxica e a física. O traballo psicolóxico partirá dunha valoración incial, coa que se eliminarán os conceptos erróneos sobre o avellentamento e se transmitirán conceptos básicos sobre como avellentar activa e competentemente, promovéndose hábitos de vida saudables xunto co desenvolvemento persoal e a participación social.

O programa físico abrangue catro áreas de desenvolvemento: resistencia, fortalecemento, equilibrio e flexibilidade. Ademais, organizarase un conxunto de actividades de educación social, enfocadas a favorecer a utilización positiva do tempo libre nas áreas recreativa, cultural, creativa e formativa.

Así mesmo, o equipo técnico intentará coñecer as actitudes das familias en relación aos seus maiores para analizar a situación biopsicosocial dos participantes do programa e axudar a mellorar a convivencia e a integración familiar.

As "Mañás Veciñais" contemplan, ademais, o servizo de podólogo, que será prestado na propia asociación veciñal unha vez á semana. Tamén haberá servizo de control da presión arterial.

En cada unha das dúas asociacións veciñais que integran o programa formaranse senllos grupos que non excederán das 25 persoas. A achega económica destes beneficiarios será de 18 euros ao mes, no caso de ser socios dalgunha das asociacións veciñais federadas, e de 23 euros no caso de non selo. Non hai unha idade mínima establecida para entrar no programa. Serán os mesmos usuarios os que deberán avaliar a conveniencia do programa segundo as súas condicións e intereses.
Descargar todas as imaxes