Escoitar

O Eixo Atlántico organiza o Seminario de Fondos Europeos 2007-2013 en Santiago de Compostela

Co gallo do inicio do novo período de programación dos Fondos Comunitarios 2007-2013, o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular organiza un seminario de información mañá xoves no Centro Cultural do Ensanche de Santiago de Compostela.

mércores, 14 mar 2007
Baixo o título "O calendario de negociación das perspectivas financeiras da Unión Europea: negociación interinstitucional e perspectivas para a implementación da nova programación estructural", este seminario ten por obxectivo informar os representantes das autoridades rexionais e locais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal sobre a programación dos Fondos Estruturais para o período 2007-2013.

Así mesmo, o encontro pretende converterse nunha plataforma para a obtención de información sobre as liñas de financiamento comunitario e os obxectivos e estratexias prioritarias para a Unión Europea nos niveis local e rexional.

No seminario van participar, entre outros, o conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, Xosé Ramón Fernández Antonio, e o secretario de Estado de Desenvolvemento Rexional de Portugal, Rui Baleiras.

O seminario está destinado exclusivamente a responsables políticos e técnicos de cada unha das cidades membro do sistema urbano da Eurorrexión e a aquelas entidades que teñen subscritos protocolos de colaboración co Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

Máis información