Escoitar

O Concello proxecta establecer un sistema de préstamo de bicicletas en primavera

O Concello proxecta potenciar o uso da bicicleta en Vigo a partir da próxima primavera. Para iso, desenvolverá un convenio coa Xunta de Galicia para establecer un sistema baseado no préstamo de bicicletas, grazas ao cal haberá un mínimo de 100 destes vehículos a disposición dos vigueses en tres puntos ou bases distribuídas pola cidade.

martes, 26 dec 2006
1167141962xunta261206.jpg
Segundo reza o convenio entre o Concello e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), aprobado hoxe martes pola Xunta de Goberno, construiranse un mínimo de tres bases para aparcar bicicletas. Estas bases estarán dotadas de marquesiñas e medidas de seguridade. Como alternativa á construción das marquesiñas, proxéctase situar as bases das bicicletas noutros lugares de acceso público, como párkings, centros sociais e dependencias municipais, que garantan unha disponibilidade horaria axeitada.

O Concello comprométese á compra dun mínimo de 100 bicicletas para pólas a disposición do público nas bases antes citadas. Estas bicicletas serán de fácil utilización, terán cesta portaequipaxes ou sistema alternativo para o transporte de obxectos, deberán dispor dalgún sistema de identificación visible e irán dotadas de catadióptricos nos triangulares traseiros, nos pedais e nos laterais.

A boa marcha do sistema de préstamo de bicicletas será responsabilidade do Concello, que velará polo correcto mantemento e utilización destes vehículos.

O INEGA, pola súa parte, colabora con esta iniciativa mediante unha subvención de 140.000 euros. O Concello achegará os fondos adicionais que eventualmente sexan necesarios.

Adxudicacións

A Xunta de Goberno tamén deu o seu visto bo a unha serie de adxudicacións, que inclúe as das contratacións da redacción do proxecto de reconstrución de Finca Solita, en Alcabre, para centro cívico (25.500 euros); do proxecto para o acondicionamento dos locais de Doutor Fleming para centros de servizos socioculturais e de rehabilitación psicosocial e laboral (16.200 euros); e da redacción do proxecto para a reconstrución do antigo Colexio Alemán como centro cívico (22.250 euros).

Ademais, a Xunta de Goberno adxudicou os concuros das obras do proxecto de abastecemento de Cabral-Candeán na súa primeira fase (515.000 euros); do servizo de calefacción e auga quente nas escolas e colexios públicos de Vigo (28.000 euros); e da contratación das obras de construción de beirarrúas na Baixada ao Capitán (64.000 euros) e da estrada de Vilas (62.000), ambas en Lavadores.

Descargar todas as imaxes